blix



Vicente Risco: Tres contos marabillosos
Ilustracións de Jacobo Fernández

Col. Árbore, 125. Ed. Galaxia. Vigo, 2004

Tres contos marabillosos

Reúne tres relatos, versións de senllos contos populares, do autor clásico da literatura galega, dos que só un tiña sido publicado en 1921. Para facilitar a lectura, normativizouse a escrita e inclúense ilustracións.
O rei avarento: En certa aldea naceu un neno con moi boa estrela de quen dixo unha naipeira que chegaría a ser dono dunha gran fortuna e casar coa filla dun rei. Pasou El-Rei por alí e levouno, botándoo nunha cesta polo río. A corrente conduciuno onda a familia do muiñeiro, que o coidou. Cando medrou, o Rei deu con el e mandouno presentarse perante a Raíña cunha carta, na que ordenaba que matasen ao seu portador. Perdido no camiño, foi dar á casa duns ladróns, que lle cambiaron a carta por outra que dicía que o que a levase casase de contado coa Princesa. De volta El-Rei intentou desfacer o matrimonio dispoñendo que lle trouxese tres cabelos do demo para poder vivir coa súa filla. Alá foi o mozo. Polo camiño atopou unha fonte que daba viño, seca; a árbore de mazás de ouro, seca tamén; o bateleiro que cruza o río ancho sen saber se ía ter que seguir alí sempre. A todos lles prometeu respostas á volta. Chegou á boca do inferno e no pazo do demo a ama de chaves, informada da súa causa, converteuno en formiga e catándolle as pulgas ao demo adormecido sacoulle tres pelos e sonsacoulle as tres respostas que quería o mozo: un sapo provocaba que a fonte non botase, un rato impedía que a árbore dese mazás e o bateleiro debía darlle o remo ao primeiro que pasase, que sería o seu substituto. Cando llelas dixo aos interesados na viaxe de volta, obtivo como pago catro cabalos cargados de ouro e prata, cos que chegou onda El-Rei. Ao este saber que os obtivera na outra banda do río alá foi cobizoso, quedando de bateleiro en castigo da súa avareza e ruindade.
O labrego e mais o Rei: Henrique IV, rei de Navarra e Francia, era moi falangueiro e natural. Indo un día de caza cos grandes señores de Francia perdeuse e gracias a un labrego soubo regresar. Cando este o guiaba, sen saber que o tiña onda el, dixo que quería coñecer ao rei. Henrique IV contestoulle que o recoñecería no eixido: sería o que non sacase o chapeu. Ao chegar onda os nobres, todos se descubriron con respecto, agás o rei e o labrego. Cando o monarca lle preguntou quén era daquela o rei, o camapesiño respondeu: "... ou é vostede... ou son eu, porque soamente nós os dous estamos co pucho posto".
A dona encantada: Vindo da feira un home moi bo atopou no camiño unha rapaza deitada no chan de tan cansa. Brindouse a levala na súa besta e el a pé. Chegaron onda un penedo con porta, por onde ela o conduciu entre luxos ata onda os seus pais, que o atenderon moi ben. Ao día seguinte marchou, levando as alforxas cheas de ouro. Na casa, a muller pediulle que volvese por máis e el obedeceu, pero buscando a porta do mundo dos encantamentos atopouse cun ancián (o pai da rapaza que levara a cabalo), que lle explicou que levara premio a súa caridade, pero que pola súa cobiza podería virlle castigo. E nunca máis buscou.

51 p. - 20x13 cm.                                                          ISBN    84-8288-691-6



Opinion