|
Reúnense neste volume relatos pertencentes a diferentes
autores e autoras que teñen en común a espacialización nas
zonas da Costa da Morte, Vimianzo ou Ponteceso, se non explicitadas si alomenos
suxeridas. Xoán Babarro González en "Contos
verdadeirosmentireiros da Costa da Morte", crea pequenos textos poéticos
en verso ou en prosa relacionados co mundo do mar e a natureza que están
titulados por palabras ordenadas alfabeticamente. Concha Blanco en
"Hale-bopp", describe a Hale-bopp, un fermoso astro que pasea soberbio e
indiferente ante os ollos envexosos da Lúa, as estrelas e as nubes.
Fernando Cabeza Quiles en "O segredo dos zapatos", pertencente a
O segredo dos zapatos e outros contos (1996), conta
un misterioso acontecemento que está transtornando a vida cotiá
dos habitantes da Fin de Terra: as embarcacións no canto de traer peixes
a terra, están pescando moreas de vellos zapatos. O mestre Euloxio
é quen ten a clave: o misterio está agochado na cidade de Torres
Altas. En "Ronca o mar", de María Canosa Blanco, a narradora relata
uns intres da súa nenez a través dos recordos que lle suxiren o
son do mar e o arrecendo a café. Trátase dun breve texto envolto
na nostalxia que produce o volver á infancia. En "A partida de
Amairxén", de Pepe Carballude, o Rei Artur celebra en Camelot unha
magnífica cerimonia en honor de Amarxein, cabaleiro valente e leal, a
quen lle foi asignada a tarefa de fundar un novo país, Galicia. Sen
embargo, a pesar da euforia reinante durante a celebración, Amarxein
está inquedo e temeroso ante a gran relevancia da misión que vai
levar a cabo. Ana María Fernández en "Gamela branca" narra a
vida de Branquiña, unha gamela cativa a quen lle chegou a hora de romper
os lazos que a atan á súa familia e decide marchar ao grande
océano a descubrir o mundo. Un forte temporal pon en perigo a súa
vida pero sen embargo será ela quen salve a dun pescador da Costa da
Morte. En "A lenda da rosa branca", de Xosé González Reyes,
os nenos escoitan atentos o relato que a tía María lles conta ao
calor do lume: unha princesa encantada polo mal de ollo dunha fada está
doente na súa cama. Un día chega un mozo a palacio cun azo de
rosas vermellas. A princesa recuperou a cor ao bicar as rosas e estas
voltáronse brancas. Con este relato a tía María
constrúe unha fermosa metáfora pois explícalles aos nenos
que as rosas vermellas toman esa cor polo sangue derramado polos nenos mortos
nos campos en tempos de guerra. En "Palabras divinas", de Xosé
María Lema Suárez, cóntase como Leliño de Gharulla
é a mofa de todo o pobo. Un día anda correndo pola vila cun
obxecto agochado na súa chaqueta. Os veciños presiónano
cruelmente para que lles amose o que esconde. Ante a súa insistencia non
lle queda máis remedio que dicírllelo: o que leva o pobre Lelo
é un xornal, un "priódico", como el di. No relato "Historias
de Xan e Pedro", de Arturo Novo, a aparición de Xan, o lobo, fai temer
ao labrego pola vida das súas galiñas. Para liberarse del chega a
un trato con Pedro, o zorro, o cal lle promete desfacerse do lobo a cambio de
que lle regale unhas galiñas. O labrego, desesperado, acepta e Pedro
prepara unha maliciosa trampa coa que lograr o seu obxectivo. José
Antonio Pet Posse presenta en "Carmiña da Pitisa" unha narración
na que se retrata a vida un día calquera de Carmiña da Pitisa,
unha muller silandeira, de aspecto anenado, a cal vive nun mundo onde a
súa propia realidade impídelle a comprensión co resto dos
veciños. |