blix



Daniel Ameixeiro: A tenda de antigüidades
Ilustracións de Irene Fra Gálvez

Col. Tucán, 37. Serie Verde
Edebé-Rodeira. Barcelona, 2004

A tenda de antigüidades

Unha rapaza, Xana, narra en primeira persoa os cambios que se están producindo na súa vida. Como no conto de Xanciño Papaventos, que lle contaba seu pai cando vivía e que ela lle repite a Antía, a irmá pequena, soña con atopar unha pedra máxica no camiño.
A familia trasladouse de barrio, polo que asiste a un novo colexio e coñece outras compañeiras. Paula, a quen lle gusta o teatro, mételle o formigo da arte dramática e por ela comeza a ir ver os ensaios do grupo. Aínda que non todas as compañeiras son iguais. Ana é unha pantalleira á que lle gusta ser o centro de atención. Sorprendentemente, convida a Xana á súa festa de aniversario. Pero a mai non a deixa ir. Entón comprende o drama de Ofelia desde a visión de Paula (que lle pasara o Hamlet para que coñecese obras de teatro): sofre unha condena horrible, pois non pode vivir a súa propia vida. Mais cando na aula de Ciencias Naturais a profesora, a "princesiña", pregunta polas características do "ollo de gato" e Xana é a única que coñece esa pedra, Ana moléstase con ela por ir de "lista".
Os cambios da idade tamén os sofre Paula, que de pronto decide deixar o teatro por non aturar o director e métese nunha banda de rock. Ademais, empeza a pasar de Xana. E outra amiga, Ánxela, á que lle gusta un rapaz que traballa nunha zapatería, co que intenta atoparse ata que se desengana porque parece ter moza xa, transmítelle a necesidade de pintarse para estar guapa. Entón Xana comeza a preocuparse polo peso e a pintar os labios e mais as uñas. Pero na festa de disfraces na casa de Ánxela a súa sinceridade contrasta coa hipocrisía de Ana, que se converte na súa inimiga declarada procurando que as demáis pasen dela.
Pasea desde entón soa polo parque, desenganada coa falsidade das amigas, refuxiándose no seu recanto secreto, como buscando o tesouro. Xa non xoga como antes coa irmá no parque. E a mai apenas repara nela, pois ultimamente falan pouco, precisamente cando máis necesitaba contarlle cousas. Preocupada polas notas da filla, castígaa por non seren boas, sen importarlle se está gorda nin que xa non ten doce anos.
Quen a entende é a profesora de Ciencias Naturais. Cando sabe dos seus problemas coa mai e coas compañeiras, regálalle polo seu aniversario un diario para que escriba nel os seus sentimentos. Antía regálalle unha pedra que se pon fermosa á luz do día que comprara na tenda de antigüidades. A súa dona, unha vella, explicoulle o importante que é non perder a mai. Entón descubriu a pedra máxica, como esas das que lle falaba o pai, que arelaba para que lle alumease a saída do seu labirinto: a auténtica pedra máxica é vivir unidas as tres da familia.

181 p. - 17x12 cm.                                                          ISBN    84-96352-04-8



Opinion