blix



Euloxio R. Ruibal: Teatro infantil e xuvenil
Col. Biblioteca 114, 59. Edicións El Correo Gallego
Santiago, 1992

Teatro infantil e xuvenil

Selección de obras dramáticas para nenos e mozos nunha edición non venal do xornal "El Correo Gallego". Reúne cinco pezas de teatro infantil e outras tantas de teatro xuvenil publicadas con anterioridade polo autor.
En "Viaxe en tren" dous rapaces fan un pequeno periplo polo deserto, a selva e o Polo Sur, cos animais dos correspondentes espacios de compañeiros de xogos. "O misterioso ovo esférico" é unha fábula na que diversos animais intentan facerse mediante enganos cun ovo enorme que está coidando un galo, pois pensan que é de ouro. "O fol avarento" róuballes o aire a un catavento, unha planta e un paxariño, pero este último consegue furalo co seu pico e recuperar o aire vital para eles. "O aparello troca tempos" é obxecto da cobiza dun pousadeiro, pois controlando o tempo atmosférico pretende atraer clientela para o seu negocio; dous netos do inventor do aparello, axudados polo moucho dunha meiga, impídenllo. "Lindaflor" é un conto de fadas no que Merlín adiviña o mal da filla dos marqueses, que cura cando lle traen o príncipe azul.
Na 2ª Parte, con textos para os xoves, "Amor bufo" é un xogo de equívoco amoroso de Colombina con Arlequino e Pierrot. "Todo un loriño" é o monólogo dun loro que conta o seu pasado cun emigrante galego, un contrabandista, un menciñeiro e nun circo, que o tornaron nun ser coa categoría de home capaz de enganar aos papagaios para facilitar a súa caza. "Raposeteo", medio home, medio raposo, está preso na esterqueira dunha cidade por lles ter roubado a palabra aos homes e dárllela aos animais, en parte humanizados; a súa liberación é o signo da liberdade definitiva coa conquista da razón e sabedoría que lles dá a Palabra, antes dos homes. "Cousas de sempre" presenta un cacique de Castelao morto bébedo nunha encrucillada, coa correspondente alegría do sapo, a lebre e a cabra. O protagonista de "Vive a túa vida" sofre a intolerancia da sociedade e o poder político por atreverse a combater a súa soidade coa compañía dun pavo.

96 p. - 21x14 cm.                                                           ISBN    84-85553-68-3



Opinion