 |
Edición que recolle dous textos, un deles
xa publicado con anterioridade. O primeiro, A Serea da Illa Negra
sitúase en Arán, unha pequena aldea de mariñeiros, onde
vive Sara, a única nena do lugar. Cada mañá, desde a
fiestra do seu cuarto ela ve o mar e a Illa Negra, unha escura masa rochosa
contra a que as ondas baten sempre con violencia aínda nos días
de mar calmo. Contan dela historias terribles por mor dunha malvada Serea que
atrae os mariñeiros cos seus engados para logo levalos á cova. A
propio pai da rapaza naufragoulle a barca onda a illa: perdeu unha perna e non
volveu ao mar. Quen si que vai é o fillo maior, Uriel. Leva
días sen pescar nada e está tentado de ir deica a Illa Negra,
onde seica hai moita pesca. Pouco tarda en vir con moitos peixes e dos bos,
pero un día non volve. Só aparece a súa lancha entre os
cons. Neles, Sara atopa unha buguina, que lle fala: é Taír, unha
das tres buguinas ao servicio da Dona das Augas, que se ofrece a axudarlle a
rescatar a Uriel das covas da Illa Negra, onde o ten a Serea, se lle axuda a
atopar as súas dúas irmás. Na Praia das Furnas, Sara
descobre a Luou, a segunda das buguinas, e dá coa terceira,
Druím, na boca dun congro que traía un pescador. Coas tres
irmás na mochila viaxa á Illa Negra: só pode salvar ao seu
irmán se o libera antes de empardecer. Coa axuda das buguinas, vence
as ondas do mar, calma o forte vento verdoso que sae dun pozo moi fondo e fai
subir á superficie nunha columna líquida a monstruosa Serea,
derrotándoa. Entón, perde o sentido. Ao acordar, o seu
irmán está ao pé dela. Con el volve na lancha, contenta
pois rematou para sempre a maldición da Serea. O segundo dos textos,
A néboa negra, é unha reedición de
A néboa escura, con pequenas
modificacións textuais e as mesmas ilustracións, aínda que
reproducidas en branco e negro e con certos cambios na integridade da
imaxe. |