| Pepe
Cáccamo: O segredo do pan Ilustracións de Xan López Domínguez Col. Infantil-Xuvenil. Serie Morada Alfaguara / Obradoiro. Vigo, 2005 |
![]() |
A panadeira Fermina Fariña era morena de lúa: mentres agardaba que o pan rematase de cocer, tomaba baños de lúa na azotea e viaxaba coa fantasía. Facía un pan tan saboroso que todos lle preguntaban cal era o segredo do seu pan. Pero ela descoñecíao. Por iso un día, logo de cocer, pechou a porta da panadería, sentouse a agardar a que o forno arrefriase e meteuse nel na súa busca. Caeu nunha morea de fariña branquísima, e apareceron uns nenos que se riron dela por semellar unha pelota branca e branda. Dixeron ser os nenos de Pan, que viven do pan que cae dos fornos todos os días, pois todos comunican con este val e todas as mañás ábrense por detrás para deitar moletes, cornechos, proias... Así foi parar ao Mundo do Pan, habitado por centos de nenos. Viu o País dos Bocadillos Fantásticos (de escuma de mar, de riso contaxioso...), os obradoiros dos artistas que fan co miolo animais vivos ou as formas que gardan as palabras: a Tristura, a Fame Inxusta,... No restaurante, pediu unha empanada nunca antes cociñada: do segredo do pan de Fermina. Deste xeito, dentro dela, apareceu no seu forno de volta. Entón todos souberon que o segredo do seu pan era ela mesma. |
|