|
Colección de catorce relatos
breves que comparten a defensa da cultura tradicional e a natureza. Así,
cóntase: De como os mariñeiros da vila Fin da Terra comezaron
a traer milleiros de zapatos nas redes en lugar de peixes. Resultaron ser os
que tiraran ao mar os antigos peregrinos, antes de que se descubrise a tumba
dun santo na cidade das Torres Altas, lugar onde, desde entón, remataron
a suá peregrinaxe. Dúas patacas parolan sobre a súa
orixe e as súas curmás, as castañas, ás que
viñeron subsituír. Pero calan logo porque comeza a recolleita das
patacas na veiga. Cando cocían, un raposo baixaba aquel inverno tan
frío onda o forno dos oleiros, onde o vía un rapaz aprendiz. Pero
un día non volveu, se cadra porque xa aprendera el tamén o vello
oficio de alfareiro. Un rapaz soña unha viaxe en tren deica A
Coruña, ata que o esperta a nai para ir ao colexio. A un rapaz
gústalle xogar a soñar coas formas feiticeiras das nubes, pero
desde hai meses o ceo está limpo e azul e non chove. Ata que por fin
volven as nubes desaparecidas e el pode soñar de novo coas súas
formas. A un rapaz gústanlle moito as lendas que lle conta o
avó sobre os druídas ou fadas do castro das Croas. No entroido,
el disfrázase de detective e chegan unha meiga, un druída e unha
fada, que el pensa que son tres compañeiros, aínda que o
día de volta ás clases ningún dos tres aparece pois
están enfermos, polo que el dubida de se os disfraces serían
reais... De como os ríos xa non rían porque os homes os
contaminaban, polo que houbo que cambiarlles os nomes: en lugar de río
Miño, choro Miño; en vez de río Sil, choro Sil, etc. No
4414 uns arqueólogos, estrañados polos restos que van atopando
nunha excavación, caeron na conta de que se atopaban ante o patio dun
colexio, e que o topónimo co que o coñecían, Ronte dos
Choclos, procedía en realidade do nome antigo, Monte dos Chicles, que
permanecen en gran cantidade pegados no chan. En Vilariño dos Autos
desapareceran as bicicletas, das que só lembraban historias os
avós. Ata que un rapaz animou aos outros a que lles pedisen aos Reis
Magos un menciñeiro de bicicletas, que efectivamente apareceu na vila o
día de Reis. Na cidade dos ordenadores, no 3433, xa non hai paxaros
por culpa da contaminación. Pero ante o éxito da película
"Xardín Xurásico" comézanse a preparar paxaros
articulados, capaces de manterse uns metros voando, pero son paxaros tristes...
Ata que esperta Pepín: soñou que os paxaros desapareceran, polo
que fará o posible por que tal cousa nunca ocorra. Na noite
máxica de San Xoán, uns rolos de papel hixiénico e mais un
bonsai conseguen que unha fada os restitúa ao seu estado primitivo de
árbores grandes e libres. Na vila de Beiramar, onde levan moitos
días de invernía e sen que os mariñeiros poidan
saír faenar polo temporal, unha noite de treboada esperta aos
veciños a música de acordeón: centos deles aboiaban na
auga, procedentes dun barco naufragado e, accionados polas ondas, botaban o seu
derradeiro salouco musical. Unha rapaza, aburrida dos días
monótonos na aldea coidando das vacas, ten a oportunidade de ir de
compras á cidade coa súa mai. Van a un gran supermercado, onde
sortean disfraces, con tan mala sorte que a ela tócalle un de vaca...
que afortunadamente intercambia co de coche, que lle toca a un rapaz da cidade,
que xa ten aborrecidos os coches e preferiría o de vaca. Deste xeito,
quedan contentos os dous, cos disfraces do que non teñen cada
día. Unha excursión organizada polo tío
permítelles a uns rapaces coñecer o Zoo Fantástico, no que
os animais se moven libres e en grandes espazos. Ao lado do nome teñen
un rótulo cun apelativo fantástico relacionado coas súas
características. Así os leóns son "lións", as
xirafas "xiraltas", os coellos "collelos", etc. |