blix



María García Yáñez: O sapo Crisapo
Ilustracións de Ricardo Pérez Rilo

Col. A Curuxa, 1. Edicións do Cumio
Pontevedra, 1990

O sapo Crisapo

Nunha consideración previa, a voz narradora sostén que a historia que segue é verdadeira, un segredo do que non pode revelar o informante. A aqueles aos que lles pareza incrible, lerana como unha historia fantástica: deséxalles que o pasen ben léndoa.
Marica ten roces continuos co irmán Pablo. Como é o pequeno (ten oito anos) leva as de gañar ante os pais, que a castigan sempre a ela. Gran lectora, un domingo comprou na feira de cousas usadas da praza vella libros de aventuras, e tamén un bestiario precioso que lle vendeu un misterioso vendedor polas cento once pesetas que tiña, que el adiviñou. Esa tarde os pais saíron e quedaron os dous irmáns sós na casa: el xogando cos clicks e ela lendo no bestiario: a herba era azul, as flores, verdes, e os animais de formas moi curiosas... Cando estaba ollando un con aspecto terrorífico, con corpo de sapo e unha crista que lle percorría todo o corpo, Pablo entremeteuse e Marica botouno dicindo "Sapo es ti, ¡veña, fóra!". Entón o sapo entón apareceu no seu cuarto e o irmán entrou na páxina do libro: velalí estaba chorando.
O sapo, chamado seica Crisapo, dille que non coñece a fórmula máxica para que poida saír seu irmán: terá que ser valente ela e entrar no libro para averiguala. Deberá seguir a liña do talo dun rosalindo, que percorre como un Camiño todas as páxinas, ata chegar á de Pablo, que a informará da fórmula. Ao que ela a diga, volverán ao cuarto.
Entra Marica gracias a unhas palabras do sapo, pero o rosalindo alerta da presencia dunha intrusa: a herba móvese intentando botala do Camiño, a bolboreta gardiana permítelle continuar logo de que atine unha adiviña. O animal debuxado en cada unha trata de expulsala: os parvos de Lu e Ul ou Luul, unha serpe de dúas cabezas con anchos peteiros dourados, queren limpala como se fose lixo; un gato canso dille de árbores froiteiras e un manancial meténdoa no "bosque vivo", onde unha vexetación estraña trata de apreixala e as árbores susurran nunha linguaxe rara. Ao saír del, unha formiga de cor fucsia máis alta que Arimca (o seu nome dentro do libro) condúcea onda a formiga Raíña, unha tirana que só a deixará marchar se vence no combate de "estaca" á campiona, tocándolle tres veces coa bóla atada nun fío. Resulta gañadora e coa axuda de Rusca, pois a Raíña trata de impedir a súa marcha por chamarlle tirana, reincorpórase ao Camiño. Coa colaboración deste, avanza desde o rombo da esquina da folla polas diferentes páxinas. Mesmo nunha delas os animais celebran unha festa na súa honra, agradecidos pola súa valentía perante a tirana. E por fin atopa a Pablo, liberándoo do libro.
Unha chamada telefónica da mai faina volver en si: estaba na casa e Pablo, que tivo un soño raro no que ela o salvou, dille que a quere moito.

95 p. - 13x18 cm.                                           ISBN    84-87126-11-1



Opinion