 |
Promovido pola
asociación ASPANAEX, este libro de relatos froito dunha
colaboración altruísta dos autores e autoras busca darlle a
coñecer á sociedade as capacidades, demasiadas veces desprezadas,
das persoas con minusvalía intelectual, autoras das ilustracións.
A imaxinación, o lirismo - tamén formal nos textos en verso- e o
xogo que non admite as limitacións realistas preséntanse
ilustrados cunha visión colorista e atractiva na súa diversidade
estilística. Os segredos de cores, de An Alfaya: os
irmáns Raúl e Arancha xogan a un xogo novo, un xogo de inventar e
rir, que consiste en buscar segredos de cores pola casa sen que ninguén
o saiba, pois Raúl dixo que atopara un segredo azul e a irmá,
rindo, respondeu que ela achara outro laranxa. Entón, en segredo
cómplice, descobren un segredo amarelo nos ollos do avó, outro
violeta na carteira, que lles trae dous, verde e violeta, nas cartas dos
tíos, e mesmo un de nata branca na nai e outro de chocolate negro no
pai. Ata que os segredos todos botaron a voar, adoptando a forma de paxaros. E
como un deles pintou co seu pico a curva do Arco da Vella, marcharon os outros
voando cara a aquel mundo de cores tan fermoso que semellaba un paraugas de
luz. Entón, os irmáns dispuxéronse a inventar outro xogo
divertido deixando voar a imaxinación. A sombra que asombra,
de Francisco Castro: os pais non deixaban xogar á nena nos artefactos
malvados do parque infantil por medo a que se mancase. Ata que a sombra da
rapaza decidiu que non quería seguir aburríndose e subiu en todos
os aparellos prohibidos, e non se mancou. Entón a rapaza
mostróullela aos pais cagainas e eles comprenderon que os moitos medos
son veleno de alacrán, e que a vida gaña en emoción se
unha nena voa como laverca nunha randeeira, nun tobogán e nun
balambán. Historia de don Ramón e o susto que puido levar
cando a marea subía e non quería baixar, de Xosé
Cermeño: don Ramón tiña unha billa na praia que cando a
abría subía a marea, e cando a pechaba, a marea baixaba. Pero un
día colleu gripe e quedou na cama deitado. Como a billa quedara aberta,
o mar deu en subir e a auga cubriu todo: a rúa, as casas e as leiras,
nas que mesmo había peixes. Se ata na cama do enfermo apareceron
centolas e salmonetes! Entón, el, remando, foi pechar a billa.
Así, a xente xa puido andar en lugar de ir a nado, e don Ramón
vai sempre moi abrigado para non coller friaxes que o teñan retirado.
Unha amiga secreta, de Agustín Fernández Paz: o
último día das vacacións, Branca atopou unha enorme
buguina na praia. De volta na casa, o pai, canso da viaxe, non lle quixo contar
o conto da noite. Cando estaba a quedar durmida, un golpe sobresaltouna: a
buguina caera desde o andel, movíase... e dela saíu unha serea
diminuta, que lle pediu que a tivese canda ela durante o inverno, pois a praia
era moi aburrida cando estaba deserta. A cambio, Nerea, da estirpe das Sereas
Minúsculas que habitan nas rochas da beiramar, contoulle a Branca as
historias máis fermosas que poden existir, "esas que aínda
agardan que alguén as escriba algún día, para que
tamén ti as poidas coñecer". Cousas que facer un día
de chuvia, de Irene Pérez Pintos: dende descalzarse para quitar as
boliñas de la das dedas, chorar para que algún adulto apareza e
entón rir e cantar, para despois deitarse na alfombra e mirando a chuvia
repenicar nos cristais e o vento zoar imaxinar cousas que non se poden facer,
como correr pola aba dunha montaña cal león con melena ao vento,
tirarse a rebolos ata chegar a un campo verde con flores amarelas, poñer
logo plumas brancas e ser paxaro sobrevoando o mar, mergullándose nel e
ser golfiño a dar choutos na auga. E, de volta na casa, preparar un
pastel con ovos, leite, azucre e galletas para darlles a probar aos pais.
Finalmente, saír con anorak e botas para deixar que a chuvia te enchoupe
e zarrapicar logo a todos. E así o día de chuvia pasa
divertido. |