blix



autor          ·          lector         ·         colección         ·          xénero         ·          ano



Agustín Fernández Paz: A praia da esperanza
Ilustracións de Teresa Novoa

Col. Merlín, 140. Edicións Xerais
Vigo, 2003

A praia da esperanza

O derradeiro día das vacacións de agosto Raquel atopou unha enorme buguina entre as rochas da praia. Tróuxoa para a súa casa na cidade. Esa mesma noite, un golpe seco espertouna: a buguina estaba na alfombra e pola súa abertura asomaba unha diminuta serea. É Sunia, da estirpe das Sereas Minúsculas. Pedíralle axuda á buguina para poder facer amizade con Raquel, á que estivera observando nos seus xogos: quere pasar onda ela os meses de inverno, tan aburridos na praia solitaria. A cambio, contaralle un conto marabilloso cada noite.
Pasaron os días coas súas noites de amizade entre as dúas. Pero unha noite de novembro a serea, desacougada, non foi capaz de contarlle ningún conto: saía un cheiro moi desagradable da buguina e nela non se oía o mar senón un ruído estraño. Axiña empezou a botar alcatrán como o das estradas. Os pais axudáronlle a encher moitas tinas co inmenso regueiro de chapapote. Entón presentoulles a Sunia, unha serea das de verdade. Malia que nalgúns informativos da televisión contaban dun barco afundido con fuel, que non supoñía risco ningún pois ía solidificar, chamaron ao encargado do cámping, Xavier, que lles informou de que o chapapote asolagara a súa praia. Alá foron: entre o cheiro pestilente, a praia negra, as aves mortas, a desolación da catástrofe ecolóxica, os barcos combatían no mar e voluntarios con monos brancos e gafas plásticas limpaban a praia. Uníronse a eles. E Sunia, desesperada por saber dos seus, guindouse ao mar. Ao mencer seguinte apareceu no areal o seu corpiño sen vida: enterrárona no xardín do cámping.
En xaneiro, organizouse unha cadea humana de escolares para defender simbolicamente a costa atacada pola marea negra. Raquel, levada pola súa mai, formou parte dos rapaces que formaron na praia co seu corpo a palabra VIDA. Da buguina aínda segue xurdindo un son triste. Algún día escoitarase nela o rumor alegre do mar recuperado. Entón se cadra Raquel poderá coñecer as compañeiras de Sunia e "escoitar de novo as historias marabillosas que só coñecen as Sereas Minúsculas, eses seres máxicos que viven ocultos nalgunhas furnas da nosa beiramar".
A edición inclúe asemade sete anexos informativos sobre a catástrofe do Prestige

104 p. - 19x14 cm.                                                          ISBN    84-9782-068-1



.  
MATERIAIS

  .  Proxectos de Animación á Lectura - Edicións Xerais




Opinion