blix



Daniel Ameixeiro: Piratas, bruxas e outros amigos
Ilustracións de Federico Fernández

Col. Árbore, 152. Ed. Galaxia. Vigo, 2007


Piratas, bruxas e outros amigos

Libro cheo de amigos divertidos: un pirata escoita o ruído dun rato e teme perder o seu tesouro, outro busca socios para ir ao rescate do seu, aquel ten unha pata de nata con chocolate que no verán garda no conxelador... Tamén hai bruxas: Roberta ten na súa horta mazás coloradas para que durman cen anos ou máis as princesas namoradas, que segundo o espello non hai no reino; unha noviña intenta enfeitizar un sapo para resolver os deberes escolares e outra maior busca unha princesa para enfeitizar, que o narrador agacha para evitalo. Pero non todas as princesas son iguais: unha pídelle un príncipe valente aos Reis Magos, pero Adosinda xa coñece a un, que descobre que os ruídos nocturnos da torre son cousa do vento; e corren riscos, como a princesa Vero, a quen o mago malvado lle intenta desfacer o castelo.
E animais varios: a galiña Henriqueta traslada os seus doce poliños á feira en bicicleta, pois medraron e xa non pode levalos, como antes, nunha cesta; o señor camaleón, que é piloto de ascensor, cambiou de cor o día que un home forte o ameazou con facerlle un nó no rabo se non o daba levado á casa; un corvo que non acudirá á festa de aniversario da bruxa Roberta pois recea que ela o enfeitice; o rato que só sae do zapato do rei cando a ama de chaves lle ofrece unha libra de chocolate e o que lle fai os buratos no zapato a Antón Melitón.
E moitos dragóns: o que ten o lume avariado, que só funciona se se enfada, polo que cómpre pisarlle o rabo para que quede ben ante a dragoa; o que vai á escola de día e de noite coida o castelo da princesa; outro namorado da bruxa, que lle pode curar ese resfriado que fai que non ceibe labarada ningunha; o que toca o trombón e acende as labaradas da festa; e mesmo un pequeniño, que anda perdido xa que a bruxa do norte borroulle o camiño, polo que será mellor que marche no autobús das sete.
E hai versos ledos e ilustracións divertidas, sempre que os ratiños non coman as páxinas, como lle ocorreu á pantasma Teresa, que por culpa deles non puido rematar a fermosa historia dun príncipe e unha princesa.

84 p. - 20x13 cm.                                                       ISBN    978-84-7154-108-6



Opinion