|
Esta é a historia de Patapau, unha gaivota
estraña, que coñecen moitos nenos que lla escoitaron na praia,
pero nunca completa, porque os pais os chamaron e ela non llela puido acabar de
contar. Naceu cando aquel neno, Gomerso, o que aparecera nun niño e
podía modelar paxaros e cousas en area que ás doce en punto
tomaban vía, fixo un día unha gaivota sen unha pata. Ela
díxolle que non se preocupara, que xa se faría cunha de pau.
Conseguíuna gracias a uns mariñeiros irlandeses que
querían probar os ovos de gaivota. O mariñeiro soñador de
pirata argalloulle dun tallo de bidueira unha pata de pau para se valer por
terra e caerlles simpática aos nenos. Pero o problema veu cando ela lles
foi entregar o seu ovo, o primeiro que poñía na súa vida.
Custoulle moito esforzo e tamén un xuízo. Tiveron que acudir
aos famosos xuíces de Chuvislandia, onde denunciaron a gaivota por
incumprimento de contrato. Esta terra é famosa tamén porque os
seus nenos non son felices, pois son áfonos, incapaces de articular
palabra. A culpa tívoa a gaivota que quería que o seu pito se
parecese aos elegantes merlos. Foi á escola con mestres merlos, que lles
ensinaron ás gaivotas a comportarse coma eles. Os nenos do país,
contaxiados pola rara conducta delas, que son alí moi importantes e
respectadas por todos, ante tanta complicación, quedaron
afónicos. O caso foi que os mariñeiros sentíanse
gravemente prexudicados pois Patapau poñía un ovo diario, si,
pero de area. Ela alegou que non o sabía cando fixeron o trato. Os
xuíces acordaron que as gaivotas de Chuvislandia debían
poñer ovos ata fartaren os mariñeiros. Que se fartaron,
certamente. E cando lle chegou a hora, Patapau puxo un ovo de area.
Probárono todos os nenos e, entón, volveulles a fala.
Así, ela puido volver ao seu país de orixe no soño dun
neno. E desde entón é famosa porque, aínda que poucos
adultos o saben, de cando en vez aparece na praia e cóntalles aos nenos
a súa historia. |