|
Na pastelaría O Paraíso,
coñecida en toda a cidade polos seus riquísimos pasteis,
están todos nerviosos apurando a elaboración dos doces pois
é o derradeiro xoves de mes e deben acabar antes das seis para que non
ocorra ningún incidente. Porque todos os meses pasou algo: a Lola
derramóuselle toda a crema de chocolate porque o neno enredara o brazo
nun fío; a Charo caéronlle as tortiñas que levaba para
enfornar por culpa dunha bóla caída do pantalón furado do
rapaz; Santi confundiu o tarro da pementa co da canela porque alguén
llos cambiara de sitio; e dona Remedios, a dona, lembra cando os interruptores
apareceron baixados ou apareceron formigas na crema das canas. Sempre acontece
algo cando o xoves, pois nunca falta, vén unha irmá de dona
Remedios co seu fillo Luís, un fedello que aínda non cumpriu oito
anos. Pero esta vez o rapaz, ameazado pola nai, está moi formal
tomando a gorentosa merenda con chocolate e doces co que o agasallou a
tía. Até que descobre unha mosca intrusa. Consciente de que non
debera estar, prepáralle unha trapela co chocolate e consegue capturala
cun vaso mentres o insecto zuga na lamboada. Orgulloso, Luís proclama a
súa captura e Santi encárgase de sacar a mosca valéndose
dunha bolsa, con tan mala sorte que se lle escapa e, perseguíndoa polo
obradoiro, provoca que vaia ao chan a marabillosa torta preparada para o
banquete especial do Casino. Volveu suceder outro desastre, si. Pero desta
vez a culpa non foi das trasnadas de Luís senón da torpeza do
empregado. Por iso leva anacos da saborosa torta para a casa. E o vindeiro mes
poderá volver ao Paraíso. |