 |
Edición non venal
promovida por dúas consellerías da Xunta de Galicia e mais a
Federación de Libreiros de Galicia con motivo do Día
Internacional do Libro Infantil e Xuvenil. Antonio García Teijeiro
abre o libro con Bicos, bicos... e máis bicos, conxunto de doce
poemas que teñen en común o motivo dos bicos e a eufonía
do xogo de palabras cun marcado ritmo musical que os converte en fermosos
xoguetes para cantar en verso. Xoán Babarro González presenta
en Sonsonetiño a Pepe Sisto Arou, un trasgo que desde que
aprendeu a ler cada día da semana escribe en catorce, un poema de
catorce versos que deixa pegado en diferentes sitios. Un día
atópase con que non queda ningún humano para lerlle os poemas
pois marcharan todos para Canarias. Consegue que regresen á Terra de
Soneira viaxando nun bilurico e picando neles como unha pulga. Ata que unha
analista lista lles dá a solución: cambiar de clima volvendo
á súa terra. Gloria Sánchez fai un sorprendente
exercicio de creatividade coas Palabras, relacionando o xogo
tipográfico do significante que permite a sorprendente pluralidade de
fontes con rápidas e ricas suxestións poéticas. Por
último, María Dolores Ruiz relata en Lucas, o vampiro do
leite o cambio que se produce na vida de Petunia coa intromisión na
harmonía familiar que supón o nacemento dun irmán, Lucas.
A rapaza pasa de sentir tenrura polo bebé a sufrir o desexo de
impoñerse deste. Cando ela está na cama, soña que a ameaza
e expulsa do seu cuarto: os pais atópana durmindo no corredor. Porque,
aínda que parece boíño, ela sabe quen é en
realidade: ¡Un vampiro de leite! |