|
Ela espertou: estaba todo ás escuras e
por non saber non sabía nin quen era. Sorprendeuse ao ver que
tiña plumas, patas e mais un pico, co que rompeu a parede branda da
parte superior do que resultou ser a casca dun ovo. Ao seu carón, doutro
ovo naceu unha cría coma ela. Entón dúas grandes aves de
cor branca achegáronse ao niño. Eran seus pais, e as dúas
cativas eran gaivotas, que logo tiveron nome: Gai e mais Ota. Ota era a
máis inquieta. Mentres os pais andaban á busca de comida,
camiñou ata o cantil para ver o mar e caeu. Pero quedou pendurada dunha
rocha, conseguindo volver ao niño coa axuda do peteiro. Como a nai
trouxo unha miñoca e deulla a Gai, que así durmiu tranquila,
calmada a fame, Ota, famenta, tentou buscar outro bicho igual; o pai, que lle
traía un peixiño azulado, tivo que rescatala dun gato que se
finxiu amigo. Arelante por aprender a voar, botouse desde o cantil e malamente
se sostiña no ar cando un gabián lle ofreceu a súa axuda;
levábaa coas súas gadoupas cando a viñeron recuperar os
pais. Os seguintes meses, Ota deixouse ensinar por eles, até que
aprendeu a voar. Como era maior, tiña que se procurar a comida. Voou
ata a praia, chea de xente, e admirando un castelo de area duns rapaces
achegouse tanto que un capturouna cun cubo, levouna para a casa e pechouna
nunha gaiola. Ismael coidábaa con cariño, pero ela
sentíase gorda e presa polo que en canto puido liscou por unha
ventá aberta. No seu voo petou coa antena de televisión, mais
aínda así deu chegado a un parque, onde pousou nun
castiñeiro, que aceptou que aniñase nel e a cambio de contarlle o
que vía nas súas viaxes polos arredores. Era feliz, mais
faltáballe o mar. Voou até o porto da cidade, onda as gaivotas
que espreitaban o alimento dos peixes tirados polos mariñeiros. Mais
como os homes andaban a desfacer os niños dos tellados das casas,
decidiu recuperar a vida tranquila da súa infancia percorrendo os
cantís da beiramar acompañada da amiga Pau, á que uns
cazadores feriron confundíndoa cun faisán. Seguindo unha bandada
de gaivotas, atopou a familia. Vivían onda outros cantís, pois os
da nenez enchéraos de negro unha enorme mancha que apareceu no mar e se
estendeu por toda a costa. Entón Ota sentiu que xa sabía quen
era e con quen estaba. E que tiña o que ela quería.
|