blix



Xabier P. Docampo: Os ollos de Ramón
Ilustracións de Xosé Cobas

Montaña Encantada. Serie Verde
Ed. Everest Galicia. León, 2001

Os ollos de Ramón

Ramón, mentres a mestra dona Felicitas explica, está nos biosbardos mirando para o boneco de madeira articulado que teñen na aula. Cando acorda, descobre con abraio que a mestra collera a forma do boneco. Ben mirado, ser vesgo -birollo segundo os amigos-, que cada ollo mire para o seu lado, non deixa de ter as súas vantaxes: de volta para a casa, fusiona dous coches nun con dous volantes e dous conductores, mesturando as imaxes coa vista e na casa une o gato cun xerro de barro. Pero a ninguén parece importarlle: ata o médico anunciou que á mestra logo lle pasaría; de feito, é un cacho de madeira sen cara impartindo clases con aparente normalidade.
Pero o mellor deste seu novo poder foi cando se riu del na escola o abusón de Vicente: con carraxe, fusionouno coa segunda palabra do título do libro "O burro máis listo do mundo" e saíronlle dúas orellazas e un rabo. Ou na rúa, cando uns individuos con botazas e cabezas rapadas acurralaban a un rapaz con pel algo máis escura vendedor de alfombras: escureceulle a pel e púxolle as cores rechamantes da alfombra a un dos mangallóns, polo que os outros pegaron a perseguilo.
Esa tarde foi ao oculista: para corrixir o defecto dos ollos tiña que tapar un deles con parche. Amargáballe perder o don que viña de descubrir. Por outro lado, as transformacións non eran irreversibles: aínda que Vicente seguía con rabo e orellas, dona Felicitas volvera ao seu ser orixinal.
Aínda que, ben pensado, sempre lle quedaría a posibilidade de provocar unha nova fusión: despegando o parche un momento e volvéndoo pegar sen que a súa mai se enteirase.

60 p. - 19x12 cm.                                                          ISBN    84-403-0414-5



Opinion