blix



Antonio Reigosa: A noite dos pesadelos
Ilustracións de Roi Fernández

Col. Ala Delta. Serie Verde, 13
Ed. Tambre. Vigo, 2006

 A noite dos pesadelos

Unha noite que se lle fai interminable, véspera de cumprir os doce anos, recorda un rapaz -e conta coa súa voz narradora- acontecidos diversos nos que se lle apareceu o medo, desde os oito anos, cando os pais emigraron para Suíza e vivía na aldea cos avós. Dicíanlle que o sono era o mellor tornamedos.
Aparece o medo aos tronos, cando o avó lle contou como nacen as treboadas, que son trasnadas dos nubeiros. A preocupación por se lle comía un bicho o dente cairo que lle caera, pois entón o que nacera novo había ser como o do animal. A Garda Civil, de presenza tan impoñente, foi o recurso para evitar que roubasen na casa uns falsos vendedores de máquinas de coser. O susto da avoa Valentina, pois pensou que o capara o cuco por telo oído cantar antes de almorzar. A cobra que lle chuchaba o leite á Cachorra, que esmagou o xato por non ter a precaución de meterlle a punta da cauda na boca para acougalo mentres ela mamaba. O ruído da neveira aberta, que confundiu coa presenza do trasno, que se transforma no animal que lle pete e de noite na casa que pega non para de facer trasnadas, mais ao lle coller a pucha colorada fai o que se lle pida. A luz misteriosa na noite cando cumpriu dez anos, que resultou ser do reloxo que lle regalaran. O terror á delonciña, que ataca a quen leve cor vermella e deixa pampo a quen lle segue a mirada un tempo, mais foxe co cheiro a goma queimada. O amigo cego Martiño, que xogaba ao fútbol e recoñecía á xente polo olfacto, grazas a quen recuperou o can Maradona. A presenza misteriosa do lobo, que coa súa soa visión pode deixar a calquera mudo para sempre. A vaca Marela, unha santa que se deixaba sobar polo rapaz, fuxiu ao recibir unha malleira do avó por lle ter dado co rabo nos ollos ao espantar as moscas, e reapareceu debaixo da ventá do seu cuarto. As bromas macabras no velatorio dun veciño. As ánimas que se atopan en forma de luces nos camiños, causa seica da morte do pai do Matachín. O coche teledirixido con su misterioso ruído na noite por deixalo os Reis Magos co mando acendido.
Os medos cambian cando morre a avoa e se trasladan para o piso da cidade, un oitavo do que soña que cae. A alerta materna sobre os novos perigos, que provoca o enorme susto cando o panadeiro o segue polas rúas para darlle as voltas esquecidas. O primeiro día no colexio é obxecto de burlas dos compañeiros por falar como os que viñan do monte e sofrea ausencia da nai á saída por causa dun malentendido. A impresión da inmensidade do mar, que ve por primeira vez cando mercan unha televisión, aparéceselle soñando que o cobre ata afogalo e acorda mexado.
Son todas un conxunto de estampas que lle veñen á memoria catro anos despois, nas horas da noite que vai ver lumbrigar o amencer dos seus doce anos. É unha noite longa interminable porque, ademais, segundo o avó xa estará na idade de botar moza. Por iso non se lle vai do pensamento a compañeira do colexio que tanto lle gusta.

94 p. - 19x14 cm.                                                          ISBN    84-88681-48-8



Opinion