blix



Antonio Yáñez Casal: Natasha e Dimitri
Ilustracións de Rodrigo Chao

Col. Merlín, 167. Edicións Xerais. Vigo, 2006

Natasha e Dimitri

Antes de que os nenos nacesen dos ventres das nais, eran as cegoñas brancas ou comúns as encargadas de traelos de París. Unha delas era a cegoña macho Dimitri, nacida na República de Ucraína, que un día aprobara con moi boas notas a carreira de Técnica Transportista de Crías Humanas.
Durante anos fixo o seu carreto á perfección, evitando con sabedoría as tormentas ou o tráfico aéreo e arrolando agarimosamente ao neno se é que espertaba no camiño. Facía a ruta internacional París-Italia. Pero todo cambiou o día no que, parando a comer nunha braña, atopou a cegoña máis fermosa que nunca vira, Natasha, nacida en Polonia. Fixeron xuntos a viaxe de volta e ao se separaren sentiu a dor da súa ausencia. Mais na seguinte viaxe, descubriuna de novo na braña e púxose a descansar con ela, sen decatarse de que unha garza lle levaba o neno. Díxollo unha ra, á que a cambio levou no peteiro para que coñecese París, mais non deu recuperado a cría humana. Como a familia non denunciara a falta do neno, foi ao enderezo e confirmou que a garza Nicoletta, que sempre soñara con ser transportista como as cegoñas, fixera o traballo con eficacia. Entón pediu vacacións anticipadas, levou a ra Ra a coñecer París e logo declaroulle a Natasha os seus sentimentos. E presentou a renuncia ao seu traballo por incompetencia, non sen antes convencer á cegoña xefe de que lle permitise á garza facer o exame de selectividade para accedar á carreira até entón reservada ás cegoñas.
Dende ese día, Dimitri retirouse ao lamazal no que vivía a ra Ra, onde un día apareceu Natasha, disposta a emprender con el a súa primeira migración cara ao sur. A ra, ao que os viu marchar felices non puido evitar que unhas bágoas salgadas lle escorresen pola meixela abaixo e apozáranselle nos beizos (se os tivese).

136 p. - 19x14 cm.                                                  ISBN    978-84-9782-482-2



.  
MATERIAIS

  .  Proxecto de Animación á Lectura - Edicións Xerais




Opinion