blix



Pepe Carreiro: Murguía
Deseño gráfico e ilustracións de Pepe Carreiro

Col. Protagonistas da Historia, 2. Ed. A Nosa Terra. Vigo, 2000

Murguía

Nesta biografía para lectores novos elaborada a partir do libro de Henrique Rabunhal "Manuel Martínez Murguía" explícase a vida deste intelectual galeguista nado na parroquia de Oseiro (Arteixo) o 17 de maio de 1833. Fillo de mai vasca e pai galego, viviu a súa infancia en Compostela ata que en 1851 marchou a Madrid para cursar estudios de farmacia, seguindo a tradición familiar (o pai e o avó paterno eran boticarios). Pero interesábanlle máis as letras e a bohemia: un texto escolar, unha novela romántica, colaboracións en xornais e revistas galegos e madrileños e mesmo algún poema en galego son boa mostra dun activo traballo intelectual, ao que non é allea a súa preocupación polo enxalzamento da nosa lingua e cultura.
En Madrid coñeceu a Rosalía, coa que casou en 1858. O matrimonio instalouse na Coruña, aínda que ao longo dos anos cambiarán varias veces de residencia, seguindo a sorte laboral do arquiveiro Murguía, durante cinco anos á fronte do Arquivo Xeral do Reino de Galicia, que tivo que deixar por motivos políticos. A inestabilidade económica e o infortunio familiares culminan coa morte da poetisa universal en 1885.
A súa aportación ten os mellores froitos na "Historia de Galicia" (obra en catro tomos publicada ao longo de varios anos), que presenta unha visión nova, celtista, do pasado do noso país, no estudio sobre Xelmírez ou os trobadores da nosa lírica medieval e no ensaio histórico-cultural "Galicia" ou o dedicado ás figuras anteriores ao Rexurdimento "Los Precursores" (1886). As súas colaboracións na revista "La Ilustración Gallega y Asturiana", en Madrid, que lle permitían sobrevivir economicamente, sobre os máis diversos temas, teñen sempre como fondo o compromiso con Galicia que o acompañará sempre.
Este compromiso concrétase tamén en accións en defensa da nosa cultura, participando na fundación de Asociación Rexionalista Galega, organizadora do traslado dos restos de Rosalía para a igrexa de San Domingos de Bonaval ou dos Xogos Florais de Tui, nos que leu unha proclama en favor da lingua e da autonomía política de Galicia. Pola súa coherencia, foi o primeiro presidente, en 1905, da recén nada Academia Galega. A bandeira galega envolveu o seu féretro cando, o 2 de febreiro de 1923, se despediu definitivamente dun país que era o seu.
O afán divulgativo desta biografía escolar complétase coas ilustracións a cores que alternan, cada par de páxinas, co texto.

36 p. - 18x12 cm.                                                            ISBN    84-89976-56-2




Opinion