blix



Pura e Dora Vázquez: Monicreques
Editorial La Región. Ourense, 1974

Monicreques

Volume de teatro infantil que recolle tres pezas curtas, cun só acto e nun único decorado para facilitar a súa representación escolar. As dúas primeiras son de Pura Vázquez e a que pecha o libro de Dora Vázquez.
En "O paxaro azul" unha nena pode ver e oír un paxaro entre as árbores. A súa mai ou un pegoreiro non son conscientes da súa existencia, aínda que si un neno pobre. Segundo a mai a razón está nos ollos dos nenos, feitos para ver as cousas fermosas nas que os maiores poucas veces teñen entrada. Remata coa nena ditosa no seu mundo de fantasía e baile.
"O trasno enredador" presenta un trasno nun xardín de cidade cun boneco -un pallaso-, que deixa no chan para axexar a reacción de desprezo de dous nenos e de conmiseración aínda que posterior abandono de tres rapazas. Só unha rapaza xitana o bica e o leva canda si. E o trasno séntese satisfeito.
"A nena que iba á busca dun corazón" anda á procura de alguén que lle cambie o corazón pois o seu é excesivamente grande. Os coellos, as flores, as estrelas ou as fadas saben da súa necesidade pois o vento encárgase de espallala. Unha velliña indícalle unha capela onde o Neno Xesús lle pode facer o troco. Satisfeita a súa arela, volve a nena para a casa entre a alegría musical dos habitantes do bosque.

42 p. - 20x14 cm.                                                               ISBN    84-400-7141-8



Opinion