 |
A
Miragaia é unha aldea mariñeira de cinco casas pintadas con cores
moi fermosas. Na amarela vive Sabela, rapaza de sete anos que un día
paseando co seu can Almirante chega á Casoupa da Toupa, onde vive un
vello moi malhumorado e solitario, que lle anuncia que unha treboada vai
destinguir as casas. Evítano ela e os amigos, coa axuda do vello,
facendo unha lona xigante con redes cubertas con plásticos que as
gaivotas estenden protexendo da auga as casas. Unha semana despois
celébrase o famoso parchís: a aldea é o taboleiro e os
membros de cada familia xogan de fichas coa cor da súa casa; como o pai
de Sabela está enfermo, o vello da Casoupa xoga de amarelo coa rapaza, o
can e mais a mai. Un día chega desde un país afastado un neno
moi triste que non fala con ninguén e a quen non lle gusta xogar.
Constrúe unha casa gris cos seus pais, que escaparan do seu país
fuxindo dunha dictadura estranxeira que pretendía acabar coa súa
cultura propia. Deciden ensinarse uns a outros os contos, xogos e o idioma dos
seus países respectivos. Ata que un día poden volver á
súa terra e aconséllanlles nunha carta que defendan o que os fai
ser distintos, do que deben estar orgullosos. Por iso cando a mestra lle di a
un dos rapaces que fale en castelán, que é moito máis
fino, el contéstalle que nunca renunciará ao galego. Unha
muller vestida de roupas moi coloridas e dúas margaridas no pelo que se
vén inspirar no mar para facer cadros e poemas, ensínalles a
escribir poesía en pareados. E grazas ao vello da Casoupa da Toupa
aprenden o que é unha metáfora e que a poesía transmite
sentimentos. Así coñecen o segredo da poesía. "Os cativos
estaban tamén moi emocionados. Agora eran verdadeiros poetas"
|