 |
Conta Beatriz, unha rapaza de trece anos, que
visita a avoa Carme na residencia de maiores e, lembrando tantas historias que
ela lle contou, lelle as reflexións que escribe: é pequena e
gordiña, sáenlle moitos pelos polo corpo que debe depilar, a
irmá Lucía sabe tocar o violín e memoriza contos en
inglés, mentres que ela está nunha asociación de baile
galego, que aos pais lles parece pouca cousa polo que queren que aprenda a
tocar o chelo... Por iso, comparada coa outra, séntese un parrulo feo.
Mentres a escoita, a avoa séntese como se tornase á súa
idade. Cando ao día seguinte volve de visita, un residente, Basilio
(un artesán cesteiro que ten unha filla que nunca o foi visitar nos sete
anos que leva alí, nin lle levou os netos; séntese moi só
e, na súa soidade, séntese perseguido) advírtelle que
teña coidado con Luís, o home do papagaio que lle pediu a
bicicleta para ir dar unha volta, pois é un pintor que seica matou a
súa muller, logo de maltratala durante anos. A avoa ten unha hora mala e
desvaría confundíndoa coa tía Pepa, polo que, a
suxestión da directora, grava as súas reflexións para que
a anciá as poida escoitar noutro momento. Estas tratan sobre as ceas dos
venres onda outra avoa, que critica a súa forma de vestir e
continuamente lle fai reproches. Outro día, o pintor teima en que
quere que pose para el de modelo, pero a avoa explícalle que é
perigoso pois mesmo a utilizou a ela finxindo estar namorado co único
fin de achegarse á rapaza. En canto está soa, case a forza para
que sexa a súa modelo, pero aparece o cesteiro e libráa. Ao
día seguinte, xa levaran ao pintor trasladado. E Beatriz lelle un
escrito á avoa sobre o seu primeiro amor, que a mai quere que deixe pois
aínda é moi nova. A seguinte visita é no hospital, onde
está a avoa, que sufriu un derrame cerebral. Díxolle que
soñara toda a noite con Arturo (pintor, morto na guerra, era o seu
home...). Logo, deulle outro derrame e morreu. Beatriz escríbelle unha
sentida carta de despedida. E como tamén acode ao tanatorio Basilio,
pídelle que sexa o seu avó adoptivo. El acepta,
emocionado. |