blix



Jacobo Fernández Serrano: Mil cousas poden pasar. Libro II
Ilustracións de Jacobo Fernández Serrano

Col. Merlín, 214. Eds. Xerais. Vigo, 2011


Mil cousas poden pasar. Libro II

Retomando a historia no punto no que quedara en Mil cousas poden pasar. Libro I, aparecen Lina e Pouco, o mudo neofalante, á sombra da maceira de mazás douradas, que son o seu alimento, relaxados na Praia Lourida, xa que é comezo do verán. Con novidades, iso si: el aprendeu a falar pola tuba e ela pode encoller ou estirar o pescozo: é elástico. Logo de fabricar Pouco un portatubas con canas e follas de millo, despídense da maceira e emprenden a viaxe de volta a Nil.
Mentres, na escola municipal da Vila de Nil condecoran como o mellor alumno de primaria ao porco Isaías. Logo de entregarlle con noxo a medalla con forma de empanada, a alcaldesa Numerosa, desgustada polo que está a ocorrer na vila, onde mesmo se acaba de constituír unha Sociedade de Amigos do Cocido de Can, e polo mínimo agradecemento dos veciños ás súas boas intencións, vai ao Cemiterio Municipal para propoñerlle a Propicio que a releve como alcalde, pois aínda que ten só 10 anos fixo un traballo recoñecido por todos revitalizando o cemiterio. O rapaz pensa en celebrar a súa toma de posesión o 17 de xullo, Día de Nainil, cunha gran festa no cemiterio para que os vivos coñezan os mortos. Para iso proponlle a don Torsón, o director da Banda Municipal, que se estree a banda cun concerto no mesmiño xardín do camposanto rodeado por defuntos que ven a vida pasar nas súas cadeiras de praia impecablemente vestidos de época e perfumados con auga de fiúncho mentres falan con frases encadeadas, que Quindimil, a carteira que se fixo novelista cando o novelista deu en albanel, anota coa esperanza de escribir algún día a súa novela. E para que actúe tamén como solista o seu pai, Hedión, que enviaran ao Pantano Onde Non Amañece, debe ir comunicarlle que o readmiten na banda o propio director, e de paso comprobar que sabe tocar e non provocará cagarrela nos que o escoiten.
Sentado nunha rocha no medio pantano, onde todo é negro e escuridade, ensaiou Hedión sen parar na súa tuba enlamada, e aparecéronlle tres admiradores: Ulam-Bator, o rei dos osos, un asasino especializado en matar a quen pense sequera en quitarlle a coroa; a loba Sahure, a mellor cazadora a catro patas sobre a terra, cos seus setenta e un netos que a seguen para aprender a cazar; e a cobreguiña Senyi, filla da descomunal serpe Tragaldeas, de setecentos catorce anos, que papa aldeas enteras. Eran os tres os máis famosos asasinos da actualidade que vían os seus sentimentos ao matar reflectidos naquela música.
Alimentándose de mazás douradas, chegan Lina e Pouco ao Val das Nove Fontes, onde viven milleiros de canarios procedentes da Selva dos Recendos. Alí, Lina pídelle ao canario Chals que lle conte a historia que non se detivera a escoitarlle na viaxe de ida. E Chals conta con voz rasposa o Romance de Kandás: nun barco que foi ao comercio de canarios ficharon un gato para que se encargase dos ratos, que cando na volta viu os milleiros de canarios engaiolados ía comelos pero unha tormenta fixo naufragar o barco, polo que renunciou a facelo e liberounos. Agradecidos, formaron un paxaro entre todos, trasladárono ao val e chamáronlle Kandás, que na voz dos canarios quere dicir "meu irmán". Informados polo vento da festa de alcaldamento, os dous namorados parten a toda présa para chegar a tempo e poder demostrarlle á vila o moito que mellorara Pouco coa tuba. E Chals emprende voo cara a Nil, aínda que non sabe onde queda, para avisar de que van para alí.
Don Torsón chega onda Hedión. Como xa toca ben a tuba, será un extraordinario solista na cerimonia do fillo. Nesas chega Chals preguntando polo camiño de Nil, mais ao mencionar o concerto e o seu amigo que toca a tuba, devórao dunha soa trabada Hedión: os tres fans celebran que el xa é tamén un asasino. Ten que chegar antes de que Pouco lle quite o posto de tubeiro. Contará coa axuda dos tres admiradores para que tal cousa non suceda.
Mentres, en Nil xa anuncia o grande evento un extravagante murete do albanel municipal Froufe Lamas, que pouco aguanta de pé. Menos mal que, por se acaso, Propicio manda unha invitación a cada nilense co programa de actos tan detallado como especial. Por certo, o do Día de Nainil celébrase cando o 17 de xullo cae en sábado porque, segundo se le no "Conto da Fundación", na antigüidade toda a xente lía poesía, o que provocou unha epidemia de transparencia que fixo que a mai non vise ao seu fillo Nil; por iso, cando se botaron a durmir no camiño ao pé dunha árbore ela puxo un letreiro para saber onde estaba o rapaz, pero logo marcharon e alí quedou. Ao pasaren por alí xentes varias e ver o cartel de Nil comezaron a quedarse no sitio e así naceu Nil: "un pobo que naceu por casualidade, como tantos outros e que, antes de que houbera nada nesta vila, xa había un cartel cunha frecha sinalando a nada", en palabras de Isaías.
Pouco e Lina chegaron ao bosque coñecido como o Ancián con árbores de seica raíces enormes nas que habitan os Inmortais, insectos alados xigantes (avespas, mosquitos, e outros menos coñecidos) que ninguén viu nunca, dos que só se coñecen os seus bruídos de toda clase (peidos, arrotos...). Alí sorpréndenos os tres amigos de Hedión. A loba encárase a Lina, que emboba os netos estarricando e dando voltas co pescozo; o oso enfróntase a Pouco nun desafío de bruídos, un coa tuba, o outro a gruñir. De súpeto, en medio dun zunido enxordecedor, os Inmortais sálvanos dos asasinos levándoos para as árbores. Morta a loba e fuxido o oso, a cobreguiña preadolescente localiza a parella durmindo preto da vila de Nil. Como este se reflicte na tuba, bótase a ela para papala, como facía a súa nai, batendo contra si mesma na superficie metálica do instrumento. O ruído esperta a Pouco, polo que ela se refuxia dentro da tuba, á agarda do momento oportuno para saírlle á boca e envelenalo, eliminando así a competencia de Hedión.
En Nil, no antigo panteón convertido na nova sede da alcaldía, preséntase ante Propicio a figura pantanosa do pai, unha arrepiante figura lamacenta. Esa noite, véspera da celebración ninguén en Nil dorme cos nervios, nin sequera o río Inrique. Por fin chega a tarde tan agardada. Todo os habitantes de Nil acoden ao cemiterio, e quedan admirados do porte e elegancia dos mortos, tanto que mesmo se acomplexan da súa propia aparencia física. Comeza o acto co discurso do condecorado porco Isaías, que fai as presentacións: "vivos, estes son os vosos mortos; mortos, estes son os vosos vivos", para dar paso aos dous exércitos inimigos, antes, agora xuntos na Nova Banda Municipal de Nil. Entra a banda e con ela o solista Hedión, con aspecto arrepiante, aínda que se lavara e barbeara, e unha mirada estarrecente que fai tremer a todos. Mais aínda que o director dá entrada aos clarinetes coa batuta, non sae ningún son: todos quedan pasmados ao ver ao seu lado unha cara con pescozo quilométrico que lle pide que agarden un anaquiño pois o seu home está a chegar.
Para decidir o solista, teñen que interpretar os dous, o da tuba negra e o da tuba dourada, o himno municipal "Do leite de Nainil". Comeza Hedión e emociona a todos, que senten en carne propia o himno... mais a última nota quédalle pendurada no aire: é o fantasma de Chals, que conta a historia do seu asasinato e fainos chorar. Senyi aproveita o momento para cravarlle o veleno no pescozo a Pouco. Este só acerta a dicir que morre... de fame. Entón Lina dálle unha mazá, da que el morde só un petisco, suficiente para que se atopen fronte a fronte no seu interior o Espírito do Veleno da Fame e o espírito da Mazá Afouta; enfróntanse nunha dura batalla de empurróns e consegue botalo fóra a mazá. Cando a xente comeza a marchar sen parar de chorar, e logo de que o axente Rabindranata espose a Hedión, Pouco fala, come outras dúas mazás e comeza a tocar as tres partes do himno. Todos senten ao escoitalo que son eles mesmos, a súa historia e o seu futuro, os que están nesa música. Entre a emoción colectiva, acómpañao entón toda a banda. Por fin, xa pode darlle a xoieira panadeira Tilia Cunqueiro a Propicio o seu bastón de mando, unha larpeirada que reparte cos veciños, que logo, rendidos, se dormen apoiándose en calquera recanto do cemiterio. Esa noite, como os vivos están durmidos, os mortos métenos nos panteóns e saen a disfrutar de Nil e das súas casas, e de madrugada regresan a sacanos de onde os meteran.
Porque como dixera un día o gato Kandás, tan citado polos versos enxeñosos dos seus variopintos parentes, "Mil cousas podes pensar / Mil cousas poden pasar". En fin, que Graziella vai visitar a Hedión ao calabozo, anúncialle que deixa as escavacións á busca do rei Bermudo para estar pendente del, quen lle manifesta o seu desexo: que lle leve a tuba.
Dividida en seis partes, a historia, que promete desenvolver continuacións colaterais varias, co engado máxico das ilustracións e o enxeño inzado de humor tan sorprendente como reconfortante, remata cun Apéndice no que se explica o que foi dos personaxes máis relevantes.

272 p. - 13,5x19 cm.                                                       ISBN    978-84-9914-206-7



Opinion