 |
No fondo do mar,
habitado por toda clase de seres vivos, reina o tritón Pando IV O
Tratable, descendente de Meaño I, O Que Tivo a Idea de nomearse
rei, que todos aceptaron. Con motivo do seu aniversario a súa filla, a
serea Neda, e o fillo, o tritón Mercurín, pensan en regalarlle
outra coroa do mundo de fóra da auga que tanto lle gustan. Aínda
que este non tiña claro o éxito da empresa, pois "mil cousas
poden pasar", emprenden a súa viaxe ao exterior no interior dunha nube
verdosa. E chegan a Nil o día no que celebran a Paz Definitiva, logo da
guerra (que facían tres días á semana e durante tres
horas) entre os dunha e outra banda do río Inrique, que se culparan
mutuamente da desaparición deste, que regresou máis culto e
viaxado, pois fora coñecer mundo, e propón que os soldados pasen
a formar unha banda de música. Como ninguén sabe música,
sortéanse os instrumentos e a Pouco tócalle a tuba. Cando a
descobren Neda e o irmán, cóllena (Pouco vai agarrado a ela)
baixando en forma de pinga xigante, pois parécelles unha coroa
extraordinaria. Daquela, armouse unha boa, pois a marcha forzada de Pouco
provocou multitude de cambios encadeados: Hedión (o sepultureiro
arrepiante e sombrizo) conseguiu que a alcaldesa Numerosa lle adxudicase a el
unha nova tuba, ata que lle prohibiu ensaiar polos damnificados que causaba o
seu abominable estrondo) polo que o seu fillo, Propicio, quedou ao cargo do
cemiterio como novo enterrador (limpo como era, fixo limpeza no macabro
cemiterio paterno -pois saíra á mai arqueóloga na limpeza
e na afección a facer buratos na terra e sacar cousas soterradas-, aseou
os mortos e sentounos, limpos e traxeados, en bancos pretendendo, ademais, que
falasen, pero fracasou no seu empeño), ocupando o seu lugar na escola o
porco Isaías, e o can Romero o lugar deste na corte, o que posibilitou
que o sucedese como pastor de ovellas o xoieiro da vila, lugar que ocupou a
curmá deste -antes panadeira-, oficio que colleu o seu mozo albanel, a
quen sustituíu o escritor de novelas, converténdose entón
en novelista da vila a carteira. Mentres, Lina, a moza de Pouco, pegara a
buscalo e como a auga da nube era auga de mar comezou o camiño cara ao
mar estirando tanto o pescozo de xirafa que lle medrou varios metros, ata que
unha caída provocoulle a morte. Nese tempo, cando probou Pando IV a nova
coroa Pouco soprou con estrondo tal que o rei guindou a tuba a un cráter
abisal, onde o mozo, por mor dos Ventos Cambiantes Descolocantes, foi
testemuña da feroz guerra entre os Fitos e os Zoos e decidiu que se
había morrer sería tocando, polo que soprou na tuba un "Pou" que
chegou aos oídos de Lina, quen estirou o seu enorme pescozo, meteu a
cabeza na auga e rescatou a Pouco, que subiu polo seu pescozo. Como
será o regreso dos mozos? Non se aclara aínda, como outras moitas
incógnitas, das que o lector será coñecedor na segunda
parte. Cando saia. Divertida novela ilustrada en tres partes en clave de
xogo e humor surrealista ou absurdo. |