blix



Cándido Pazó: O merlo branco
Ilustracións de Xan López Domínguez

Col. Altamar, 5. Serie Teatro. Ed. Bruño. Madrid, 1991
Primeiro premio da Mostra de Teatro Infantil "Xeración Nós" 1989

O merlo branco

Nunha árbore da bouza hai un niño e nel a Mamá Merla está a chocar un ovo. Chama por Papá Merlo, entusiasmado a escoitar un partido de balompaxaro na radio, para que a releve. Logo nace o merliño, que non é negro como todos: é gris. Aínda pode cambiar ao mudar a pluma. Cambia, efectivamente, pero para peor: ¡é branco! Ao pai parécelle unha deshonra e discute coa merla. Visto o panorama, o merliño branco marchou para lonxe, buscando un sitio onde ser branco non sexa un delicto.
Atopa a Gaivota, que lle di que el tamén é unha gaivota. Ensínalle a pescar, aproveitándose da súa inocencia para comer peixes á súa conta. Logo, a Cotorra demostra a súa capacidade poética intentando que repita trabalinguas, ata que el cansa: non quere ser unha cotorra. Para o Flamingo, o seu problema é de tamaño e intenta que estire, sen éxito. Como antes de seguir sufrindo así, prefire morrer, irrompe o Voitre, que intenta convencelo sen éxito de que se deixe probar. Aparece entón a Pomba Mensaxeira con chupa de coiro: para saber se é unha pomba, faille o reparto mentres ela descansa, pero o merlo non atura máis e lisca, deixando a última carta por repartir.
Na carta convídase a unha festa con enchente a quen atope un merlo branco, polo que o pai vén na súa busca. Como resulta que se tinxiu de negro ao agacharse na cheminea, o pai enfaríañase para branquear e pega a cantar, tan mal, que chove. Coa auga, cadaquén recupera a súa cor e ao pai móllanselle as ideas: xa está contento co fillo branco. Así, todos acaban felices cunha gran festa.
O texto, estreado pola Compañia TRANVÍA-Teatro de Vigo en 1989, coa dirección do propio autor, incorpora unha serie de notas para a posta en escena feita polo grupo.

104 p. - 19x12 cm.                                                          ISBN    84-216-1639-0



Opinion