|
Nesta edición institucional
recóllense contos orixinais de oito recoñecidos autores galegos
de literatura infantil-xuvenil: Sabela Álvarez Núñez
abre o libro con "Cinsenta non quixo ser princesa". Presenta unha rapaza
cinsenta que soñaba con ser Pintora de soños e ter un circo.
Axudoulle a Fada Madriña dándolle un zapatiño de cristal,
co que podería ir ao baile e converterse en princesa ou manter a
súa ilusión de poeta poñéndoo na fiestra á
alba, que lle traería unha adiviña. A solución da
adiviña conduciuna á Bruxa dos Soños, que lle deu unhas
herbas coas que cumpriu o seu desexo de ser unha nena rosada de nome Alba. Tivo
que atopar logo dúas Cinsentas que quixesen deixar de selo: unha, que
preferiu chamarse Xoana, ter pel brancorrosada e ser Acróbata de Viaxes
Fantásticas; a outra quería ter a pel translúcida,
chamarse Mariña e ser Pallasa Inventora e Cumpridora de Desexos. Cun
libro da bruxa, aprenderon a ser o que querían. Agora andan o mundo co
seu Circo da Fantasía, co que che poden pintar o teu soño e
levarte á viaxe máis fantástica que poidas imaxinar.
Xosé Cermeño en O pai de Tomás é un
tobogán conta a historia da tarde na que foron xogar no
xardín da casa de Tomás e remataron brincando por enriba do pai
do amigo, que recolleu no libro Estes
días refresca polas tardes. Henrique, un neno bulideiro coma
un rato protagoniza Henrique e Cerumeiro, de Xabier P. Docampo. O rapaz
volveu á fraga, onde xa se perdera outra vez e fora rescatado polos
veciños, sentindo que nela había algo misterioso. Atopou un
individuo pequeno, amarelo, que dixo ser o trasno Cerumeiro. Fixéronse
amigos e a cambio de manter o segredo da súa existencia, o trasno vai
facer que se cumpra o desexo de Henrique de ver o mar. De volta na casa, o
rapaz soñou co mar e andou pola praia.... Cando acordou, ao se vestir,
caeulle unha presa de area do zapato. David Otero conta en Os ollos da
lúa que esta disfrutaba mirando cun ollo como xogaban os nenos de
día e co outro como soñaban de noite. Ata que Rei prohibiu que os
rapaces seguisen a facelo. Por iso ela, encargada de vixiar que se cumprise a
orde, aburríase moito e foi quedando cega. O Mundo, ás escuras,
era moi aburrido. O Rei tivo medo con tanta escuridade e sacou un bando
autorizando os nenos a xogar e soñar. Entón a xente empezou a
saír das casas, alegre, e os nenos a xogar. ¡Ata a coroa deu en
saltar de felicidade na cabeza do Rei! Úrsula Heinze relata a
Viaxe estraña de Cati cando ía pasar a fin de semana na
casa dunha amiga pero o autobús deixouna en Finterra, habitada por un
único e misterioso veciño. Volveuno coller e por fin chegou a
Vilacova, onde a amiga lle dixo que era imposible que pasase por Finterra.
Ademais, o home que supostamente vira tiña unha estatua de homenaxe:
morrera a comezos do XVIII. ¡Pero Cati tiña na man un libro cunha
biografía súa, que el lle regalara! Tareixa e a cama
máxica de Agustín Fernández Paz ten como protagonista
a unha rapaza que, castigada, ten que cear na cama da avoa, pero non lle
importa pois é máxica: pode voar. Leu un pouco de "Peter Pan e
Wendy" e, aínda que quería saír de excursión
voando, o sono puido con ela. Acordou no mar con sol e, como tiña fame,
aterrou nunha illa, onde sete guerreiros negros como os da película de
Tarzán do sábado a colleron, levárona ao poboado,
atándoa a un tótem. Cando a ían meter nunha gran pota con
auga fervendo, xurdiron dous leóns. Entón liscou para a cama e
aínda que un deles prendeu na colcha coas poutas, Tareixa deu fuxido e
volveu durmir. A mai despertouna: tiña que ir ao colexio. ¡Estaba
na súa casa! Pero a colcha estaba chea de desgarraduras... En
Antón e a paxariña de papel presenta Antonio García
Teijeiro a Antón, un rapaz a quen non lle gusta ver a televisión,
pero si ir á aldea onda os avós. Fixo unha paxariña con
papel de periódico, que lle marchou voando. Compuxo logo a palabra PAZ,
pousou as letras na palma da man e soprou: tamén marcharon voando como
bolboretas. Alberto Avendaño conta algún dos prodixios de
Kenia, que desde o primeiro día foi unha nena especial. Aos catro
meses, cando lle foi comprar unha chupeta, pegou a falar protestándolle
á farmacéutica polo prezo. Logo, conseguiu mover os obxectos,
fixo unha excursión de cinco mil quilómetros... Pero estes xa son
outra historia. |