blix



Lino Braxe / Ana Pontón: María Triángulo
Ilustracións de Tabo Ayala

Col. Sotelo Blanco Infantil e Xuvenil, 44. Serie A máquina de escribir
Ed. Sotelo Blanco. Santiago de Compostela, 2001

María Triángulo

Cando Félix, mandadeiro, levaba na súa bici o orixinal dun libro dos escritores Rosa e Xan con destino á editorial, o balonazo duns nenos que xogaban na rúa provocou a súa caída e a de todos os folios. ¡E estaban sen numerar! Nun bar, ben surtido de chocolate con churros, puxose a ler os contos ordenándoos ao seu xeito. Leu:
"O neno con corazón de televisor" só se divertía vendo a televisión a todas horas. Ata que lla derramaron os trasnos do televisor por facelos traballar tanto chamándolle Cara Cadrada. Deu en xogar na rúa cos amigos e pasouno moi ben. Xa podía volver ver a tele, con moderación.
"A rebelión das casas": as casas de Cementópole están tristes porque as teñen descoidadas e tampouco hai xardíns. Sanan cando o alcalde ordena, a petición da Casa da Maga das Pedras, arranxalas, pintar as fachadas e facer parques.
"A formiga aplicada": Clotilde era unha formiga moi lista que marchou a explorar o mundo. Foi dar a unha escola, pero os nenos non a querían onda eles. Ata que un día convenceu a unha nena lacazá de que a levase con ela á escola na súa orella: así aprendería e lle axudaría nos exames. Desde entón a nena sempre sabía todo. E tamén os seus fillos e os da formiga, que seguiron axudándose.
"O fantasma infeliz": unha nena saíu da aldea para vender mel co seu burriño cando a sorprendeu a treboada. Foi pedir acollida nun pazo misterioso no que de noite un fantasma ameazou con non deixala descansar se non ía onda a súa amada en vida. Prometeullo e ao día seguinte deu coa casa azul na que estaba a fantasma de Beatriz en traxe de voda: cun obxecto dela e outro del conseguiu que puidesen reunirse no pazo eternamente felices.
"A protesta dos bonecos": como o home e a muller estaban sempre discutindo, os bonecos da casa tamén estaban enfrontados en dous bandos partidarios de un e outro. Ata que se puxeron de acordo e organizaron unha manifestación protestando polas discusións e malhumor reinantes na casa. Entón o matrimonio cambiou, deixando mesmo o emprego para dedicárense a representar obras de títeres cos bonecos.
"María Triángulo": María Triángulo volvía triste do colexio porque non entendía as matemáticas, aínda que nos soños resolvía os problemas. Para combater a súa tristeza foi á biblioteca, onde a Señorita Circunferencia, a bibliotecaria, deixoulle un libro cunha nota sobre a Montaña do Saber. Seguiuna un día e descubriu que era unha fada boa que se dedicaba a axudarlles aos nenos nos estudios. Preparoulle unha infusión máxica de herbas e desde aquela entende as matemáticas.
"Lúa e o boneco de neve": Lúa pórtase mal na clase porque non atura o profesor, que de novo a volveu pillar portándose mal. De noite, soña que o cobren de neve. Ao día seguinte, no colexio hai un boneco de neve. Pensando que é verdade o que soñou, sente remordementos. Pero non é o profesor. Aínda que o boneco de neve, cando se está derretendo, chóscalle un ollo cómplice.
Cando remata a lectura, Félix vai entregar os contos na editorial. Pero está pechada por inventario. Mellor así. Hallos ler á súa sobriña, por se quere mellorar a orde. Porque os nenos non se equivocan nunca cos contos.

96 p. - 20x13 cm.                                                               ISBN    84-7824-379-8



Opinion