 |
Catuxa ten 11 anos e 11 meses. Vive co avó Cucufate en
Roibén de Arriba no máis fermoso dos países, Comentelo,
onde as casas nacen doutras casas dun día para outro. Cando era pequena
seus pais emigraran ao deserto de Gobi, entre Mongolia e China, pois
solicitaran os seus servizos como albaneis de area titulados co encargo de
facer unha muralla de area xa que a de pedra mancáballe nos
pezuños ao cabalo do emperador. Sendo xurado no certame anual de
fumadores de cachimba, resulta gañador o moucho Caetano: bota o fume
polas orellas formando a Fraga de Umbría, de onde tivo que fuxir porque
o lume, que se está estendendo por todo o país, a arrasou. Esa
noite Catuxa soña cun fantasma de lume que avanza para darlle unha
mortal aperta. Micaela, a adiviña, gardiana de soños e pintora de
paisaxes alternativas, interpreta o soño: o lume está dentro de
Catuxa. Debe entrar nun dos seus cadros de paisaxes para chegar á casa
do seu soño e impedir que o lume devaste o país. Emprende
entón a súa aventura: a través dun cadro-porta chega a
unha gran cidade. Ela é invisíbel para todos os que perderon a
capacidade de soñar. Uns titiriteiros dinlle que ten que conseguir o
espello do dragón raptor dunha princesa. Conségueo soñando
e a través del irrompe no cuarto de Catarina, que parece a súa
irmá xemelga. Ten os pais lonxe, traballando, e está ao coidado
dunha institutriz nunha escola de arrabalde que a obriga a ver as parvadas da
televisión e a xogar no ordenador moitas horas, para que estea mansa e
non soñe. Nesas entra tamén polo espello o Escornabois, o
galeón aerostático de Indalecio, o padriño de Catuxa,
levado por Caetano, que é un moucho de arrastrar, pois pode soportar
moito peso en voo. Vén tamén o avó Cucufate e mais o
grumete Virxilio, un rapaz orfo duns doce anos. Como o lume chegara ata a
aldea, todos fuxiran. Eles, aconsellados por Micaela, atravesaran o seu mural
dunha gran cidade. Deciden recuperar os pais de Catarina, que,
prometéndolles que logo se ía reunir a rapaza con eles, levaran
enganados a América para facer xogos de ordenador e guións de
teleseries. Irrompe un rapaz coas roupas esfarrapadas. É Lucas,
fuxido do Paraíso Infantil, onde quedaron outros centos de nenos
condenados a xogar diario e ver a televisión, afastados dos pais, que
levaran enganados. Conseguen liberalos e esborrallan a nave industrial na que
están recluídos: alí xa non se lle volverán roubar
nunca máis os soños a ningún neno ou nena. Atravesando
o Atlántico no barco voador, Leonardo, o camaleón de Borneo que
lle trouxera o padriño de regalo, avisa a Catuxa telepaticamente de que
vén unha treboada. Grazas ao esforzo de Caetano, que lle custa a vida,
conseguen remontala. Chegan ao Polo Norte, onde con tanto frío o
carbón non dá quentado os globos que fan voar o barco, polo que
se ven obrigados a aterrar. Un corvo enviado por Micaela dilles que deben
buscar unha fortaleza, pois nela están pechados os pais. Os dous vellos
seguen a pé para intentar atopala. Mais logo aparecen un cento de
esquimós, que guían ata a fortaleza a Catuxa, Virxilio (a quen
lle gusta Catuxa, á que lle regala uns vermes de seda que fan panos de
cores) e os rapaces. Logo de sete días de viaxe chegan a unha cidade
fantasma de mármore branco, na que os esquimós non entran por
medo aos espectros. Unha vez dentro da fortaleza, un monicreque-arlequín
incítaos a comer e mesmo a liar entre si por máis comida, ata que
xorde a figura sinistra do Señor Bretemoso cun discurso: os rapaces han
deixar de soñar, seguindo o tratamento, e deben renunciar a seus pais,
que traballan para el na súa industria de xogos con máquinas.
Pero un berro do camaleón Leonardo eca nos rapaces convertido nun
tornado que fai desaparecer a fortaleza e o Señor Bretemoso.
Douscentos nenos e nenas foron espertados aquela mañá polos seus
pais dun pesadelo. Tamén Catarina, que tentou ver a irmá Catuxa
no espello e só se viu a si mesma. Se cadra porque era ela mesma en
soños; e Comentelo e Roibén tamén eran un soño.
Leonardo aproveitou a cama quente da rapaza un pouco máis; logo,
desapareceu tras do cristal do espello. |