|
Como homenaxe ao autor protagonista do
Días das Letras Galegas de 2005, esta edición pretende achegar a
vida e a obra do poeta aos lectores novos. Presenta en primeiro lugar a
biografía de Jesús Manuel Lorenzo Varela Vázquez, nado o
10 de agosto de 1916 a bordo do barco no que os seus pais chegaban aá
Habana como emigrantes, aínda que oficialmente consta que naceu nunha
casa da capital cubana. Tres meses despois, volta a familia para a parroquia
paterna de Monterroso. En 1923 emigran de novo, esta vez para Arxentina, onde
viven ata 1931, ano no que se instalan mai e fillo en Lugo, regresando o pai
para a capital bonaerense. Esta etapa configura as liñas do seu traballo
social e literario posterior: participa na fundación da
Federación de Mocidades Galeguistas, organización xuvenil do
Partido Galeguista, e milita logo na trotskista Izquierda Comunista; ademais,
escribe os seus primeiros versos, de amor adolescente. En 1934, rematado o
bacharelato e cunha intensa actividade política revolucionaria,
trasládase a Madrid para cursar a carreira de Filosofía e Letras.
Colabora como crítico literario no xornal "El Sol" e conecta cos
círculos culturais, coñecendo a escritores como Neruda ou Lorca.
Afíliase ao Partido Comunista. No 36 ingresa nas Misiones
Pedagógicas, co obxectivo de levar a cultura aos recunchos máis
afastados e dignificar a cultura tradicional do medio rural. Estaba en Huesca
cando estalou a guerra civil, volvendo para Madrid e incorporándose como
miliciano ao Quinto Regimiento. Mais non deixou de colaborar nas revistas
culturais republicanas como "Hora de España" ou "El Mono Azul" e tivo un
relevante papel no Congreso Internacional de Escritores para a Defensa da
Cultura en 1937. En febreiro do 39, escapando das tropas franquistas, pasa a
Francia como outros milleiros de refuxiados republicanos. Internado nun campo
de concentración, sae ao cabo dun mes grazas á
intervención de intelectuais franceses. En maio, embarca cara a
México, onde se incorpora á redacción da revista "Taller",
que dirixía Octavio Paz. Mesmo crea a revista "Romance", que ten que
abandonar logo de 24 números por diferenzas cos empresarios. Alí
publica o seu primeiro libro Elegías españolas (1940). En
1941 instálase en Buenos Aires, onde residía seu pai.
Incorpórase ao círculo de galegos exiliados de Luís Seoane
(a quen ficará unido por unha forte amizade), Rafael Dieste e Arturo
Cuadrado. Traballa en campos como o xornalismo, a traducción ou o ensaio
sobre arte. Aos poucos meses, en 1942, publica Torres de amor, o seu
máis extenso poemario en castelán, que se negou a editar
Emecé pola militancia comunista do autor. Entre 1943 e 1945 funda e
codirixe a revista "Correo Literario", cunha moi importante nómina de
colaboradores exiliados e latinoamericanos, na que publica versos motivados
pola Segunda Guerra Mundial, coa esperanza de que o seu desenlace repercutise
na caída do franquismo. Mais a chegada ao goberno arxentino do xeneral
Perón obriga a pechala, pois é mal vista polo poder pola
tendencia esquerdista dos seus directores. Con Luís Seoane funda unha
nova revista, "Cabalgata", da que saen 22 números. Catro poemas pra
catro gravados (1944) incorpórao á literatura galega. En 1947
trasládase a Montevideo para vivir coa escritora Estela Canto,
conseguindo un contrato de profesor para unha universidade estadounidense, mais
o goberno de Estados Unidos négalle o visado pola súa militancia
política. En 1952 regresa a Buenos Aires logo da súa ruptura de
parella, onde publica Lonxe (1954), para algúns, o grande libro
da poesía galega do exilio. Nel combina o coidado formal de toda a
súa obra cun firme compromiso social e político. A partir deste
momento a súa obra empeza a merecer a atención da
intelectualidade que permanecera en Galiza. En 1955 coñece a Marika
Gerstein, muller de ascendencia xudía e ampla cultura, que será a
súa compañeira ata a morte do poeta. En 1960 viaxa a Galiza para
valorar a posibilidade da súa volta definitiva ao país, mais
regresa a Arxentina. Colabora como prestixioso crítico de arte no xornal
"La Razón" e publica poemas soltos en volumes colectivos ou revistas.
Volta definitivamente en 1976, instalándose en Madrid. A pesar da axuda
de Isaac Díaz Pardo, o retorno é durísimo e desesperanzado
polo escaso coñecemento do seu labor cultural. Morre o 25 de novembro de
1978 dun infarto. Enterrado no cemiterio de La Almudena, no 1981 foi trasladado
para o camposanto de San Martiño de Fufín en Monterroso, cabo da
súa nai. A súa obra poética parte dunha
concepción da cultura ligada fondamente ao compromiso social e
político. É unha producción de combate durante a guerra;
no exilio, é poeta bilingüe, con dous poemarios en castelán
centrados nas vivencias do conflito e na ausencia que provoca o afastamento da
Terra. En Catro poemas pra catro gravados, o seu primeiro poemario en
galego en colaboración con Luís Seoane, rescata personaxes do
pasado pouco coñecidos ou silenciados pola historia "oficial" para tirar
deles valores positivos que se proxectan sobre o presente. Lonxe
presenta unha temática centrada na Guerra Civil e as súas
consecuencias (a guerrilla e os heroes xurdidos do pobo que asumen de forma
anónima a loita pola liberdade e a xustiza), e outra máis
íntima na que domina a saudade da terra natal a partir da experiencia
vivida con dor e nostalxia polos amigos mortos durante a contenda e a
represión posterior. Á beira da emigración e o exilio,
aparece a paisaxe gardada como un tesouro da memoria desde a infancia
recuperada Péchase a edición cunha antoloxía de dez
poemas acompañados dunhas breves liñas de lectura.
|