|
Álvarez Cáccamo reflexiona no
"Limiar" sobre a necesidade dunha aprendizaxe progresiva da mirada
poética, educada desde o hábito lector na primeira infancia.
Considera que se deben incluír no heteroxéneo hipertexto que
chamamos Poesía Infantil os poemas que teñen como destinatario as
crianzas pero tamén aqueles con receptividade posible nesta idade
lectora polos seus significados ou formulación musical. Mais advirte que
non se deben confundir destinatario e protagonista textual, que pode ser unha
simple evocación nostálxica do autor, nin apreciar poemas que non
o son, pois forman parte do nicho ecolóxico da Pedagoxía ou das
boas intencións e mensaxes, seguindo un modelo de simplicidade
semántica e de formulación discursiva elemental. Porque,
conclúe, un poema infantil non é un subproduto literario,
senón a esixente transparencia da música e o lléxico
sostendo o peso de imaxes tan polisémicas como o profundo mundo interior
do pequeno ser humano a quen o texto vai destinado. Recóllense a
continuación cen poemas tradicionais ou populares e tamén de
diversos autores (corenta e dous en todal) de todas as épocas, desde
clásicos como Rosalía de Castro a contemporáneos como
Gloria Sánchez. Estrutúrase en cinco apartados, alternando un
criterio temático e un xenérico, nos que os poemas aparecen
dispostos cronoloxicamente. "Animais": poemas que cantan aos animais
máis presentes na vida cotiá do espacio doméstico ou rural
galego, sen esquecer os mariños. "Cancións de berce": arrolos
repetitivos e eufónicos que cumpren o obxectivo de acougar o infante
para propiciar a chegada do sono, emparentados coa tradición
tácita do surrealismo. "O mundo": o sol, a lúa, o vento, o arco
da vella, os meses, o camiño... e o propio semáforo
constitúense en motivos poéticos que converten en transcendente a
vivencia constante da súa presencia diaria. "Cancións de festa":
o Entroido, o Nadal, os Reis ou os Xigantes e Cabezudos das festas patronais
están presentes quer na poesía popular quer na de autor como unha
combinación lúdica de ritmo e celebración. "Nenos e
nenas": fórmulas para xogos e textos nos que eles son os suxeitos
principais da acción poemática, desde unha visión
nostálxica, inxenua ou tamén dramática. Pecha o libro
un amplo caderno de actividades sobre quince dos poemas. Teñen como
obxectivo educar ao lector cativo na adquisición de capacidades de
comprensión e expresión oral e escrita, para favorecer a
recepción creativa e pracenteira do texto, unha lectura comprensiva e
participativa. Incorpora propostas de complexidade progresiva, desde
Educación Infantil (para exercitar a oralidade) ata o Primeiro Ciclo de
Secundaria (para un achegamento interpretativo). Procuran estimular a
participación do alumnado, posibilitando ademais en moitos casos o
traballo interdisciplinar nas aulas. |