|
Logo de xogar cos regalos de Reis, Lía
á noite escoita uns saloucos: son as zapatillas de deporte, que lle din
que están tristes pois lembran a súa historia. E para que as
entenda, ofrécenlle viaxar con elas, agarrada aos amallós.
Lévana entón á India, á fábrica onde nenos
descalzos con pagas miserables e sen asistir á escola están a
facer zapatillas deportivas. Un deles é Ramesh, que fixo as dela. O
rapaz lévaa a coñecer a súa casa: un cuarto terreo, sen
latrinas, con dúas irmás que tampouco poden ir á escola
pois teñen que traballar como a nai, viúva, a enrolar cigarros. E
mesmo saen xogar á rúa, onde un home intenta apreixala, mais
lisca del grazas ás zapatillas. Aínda que ela estaba en pixama
ninguén se sorprendeu e mesmo a entenderon, malia falar noutra
lingua. De volta na casa, as zapatillas (ás que lles pon nome: Plis e
Plas) razoan con ela sobre a necesidade de non colaborar coas empresas que
abusan dos nenos do mundo, boicoteando os seus produtos de consumo, tantas
veces non responsable e superfluo. A nai concorda con esta
información. Ao día seguinte, conta na clase, presentando o
seu agasallo de Reis, o que aprendeu da explotación infantil. A proposta
súa, toda os compañeiros escriben cartas aos famosos que anuncian
a marca dos deportivos para que non colaboren coa poderosa empresa. Esa noite
vólvena levar as zapatillas onda os tres irmáns. Pero a
situación é distinta: grazas ao goberno e ás
oenegués, os rapaces están nunha escola de tránsito, onde
ademais reciben unha paga, e a nai creou con outras mulleres veciñas
unha cooperativa na que fan vestidos e bonecas. A mestra lévaos a
todos a coñecer unha tenda de comercio xusto, onde venden café e
outros produtos de cooperativas de produtores pagados a un prezo xusto coa
intermediación de oenegués que desenvolven campañas
solidarias. Tamén hai vestidos da India, da cooperativa de mulleres da
nai de Ramesh, e unha boneca de trapo cun pixama como o seu e zapatillas
deportivas, que lle chisca un ollo e dille que a leve para a súa casa.
Di chamarse Lía, de Rosalía, polo que a rapaza lle propón
outro nome, Rosa, que é Rojam na súa lingua. Con ela e mais as
zapatillas infórmase en internet sobre a Marcha Mundial contra a
Explotación Laboral Infantil. Entón pensa que non
estará soa, que moitos nenos e nenas do mundo tamén son
activistas e decidiron loitar contra a explotación infantil no
mundo. |