|
Neste volume
recóllense as colaboracións de varios escritores e ilustradores,
que son resultado das experiencias vividas trala realización do
Camiño Francés por Galicia. Marilar Aleixandre, baixo o
encabezamento de "A Tartaruga e o Sapoconcho", vai relatando as distintas
etapas do Camiño e introducindo as historias que xurdiron ao longo do
seu percorrido e das que son autores os diferentes camiñantes. En "A
galiña peregrina", de Gloria Sánchez, nárrase a historia
da galiña de Santo Domingo da Calzada, que movida polo seu desexo de
voar, viaxa ata Compostela para rogarlle ao Apóstolo o seu
cumprimento. En "Chavo de laranxa", de Fina Casalderrey, unha nena meiga,
que está sentada na lúa, relata a orixe da catedral de Santiago e
de tódolos seus arredores. En "As verbas que fan o camiño",
Antonio García Teijeiro achega uns versos, baseados en rimas da
tradición oral, estructuras paralelísticas e xogos de palabras,
por medio dos cales vai enumerando elementos do Camiño. En "O neno
que perdeu a súa avoa", de Xabier P. Docampo, cóntase como,
despois da desaparición da avoa de Gregorio, se coñece o misterio
dos da casa de Ardao, que gardaban vellos nunha neveira para, cando estaban
aburridos, desconxelalos e ter conversa. "Roldán e as tres princesas
de Libredón", de Xoán Babarro González, é un
romance que conta as aventuras de Roldán quen, coa protección
dunha cónchega peregrina, salva a súa vida e libera dun meigallo
a tres princesas, que o diaño transformara en pedras. "O pozo", de
Paco Martín, conta o que lle aconteceu a Afonso cando decidiu abandonar
o seu fogar logo de namorarse ao ver no pozo o rostro dunha moza florentina,
que peregrinaba a Santiago. En "A vella foto das Estrelas", de
Agustín Fernández Paz, Branca, unha adolescente que non
está interesada en facer o Camiño de Santiago, comeza a sentirse
diferente no Cebreiro, despois de ter un estraño encontro cun rapaz que
fora soterrado alí. En "A sombra dos morcegos", de Marilar
Aleixandre, tres mozos pérdense nas serras do Xallas e pasan alí
unha terrorífica noite, cando se dirixían a Fisterra para rematar
o Camiño de Santiago. En "Orellas de podengo", de X. A. Neira Cruz,
unha rapaza de Compostela e un mozo belga, que viñera ata esta cidade
para redimir a súa condena, viven unha historia de amor.
|