 |
Peciña dramática en tres actos, con atractivo
traballo gráfico de Suso Cubeiro, partindo dos personaxes
deseñados por Uxía Caride. Incorpora tamén un Limiar de
Xosé Vázquez Pintor. A acción comeza no patio dunha
escola na periferia da cidade, onde unha sobreira vella resiste entre o
cemento, como derradeira testemuña do sobredo. Unha nena, rexeitada
polos compañeiros que están xogando á roda, vaise sentar
onda ela. A sobreira cóntalle que antes alí houbera un monte que
logo pecharon cun valo, impedindo así o acceso ao seu mellor amigo, un
ancián que acudía escoitala ata que un garda llo prohibiu.
Como os outros rapaces do colexio acoden tamén e queren saber do seu
pasado, a sobreira conta de cando estivo alí instalado o Gran Circo
Regotón e irrompeu no ensaio dos pallasos Pimpirulón e
Leituguiño o xeneral Bom-Bom perseguindo a coella Orelliñas.
Ainda que finalmente desistiu do seu propósito asasino e acabou bailando
cos do circo pacifista, pois hai que protexer os animais. Aparece
entón o aparellador municipal con dúas secretarias: pretende
mandar tallar a árbore. Pero os nenos deciden impedilo. Ela
explícalles que dela tiraban a cortiza para facer abelleiras, boios para
redes de pesca ou rollas para as garrafas, porque na escola os mestres non lles
ensinan esas cousas neste tempo de aparellos de plástico. Nestas,
veñen os obreiros cunha serra mecánica pero entre os nenos e o
mestre (que se unira a eles) convencen ao xefe para que non lles deixe o patio
con cemento só. E todos celebran o éxito cantando unha
canción sobre o valor das árbores como testemuñas da
historia do lugar e parte da vida colectiva. |