 |
Nesta colección de dezasete
composicións poéticas, Antón Cortizas emprega unha forma
poética de longa tradición na literatura aproveitando a
súa compoñente narrativa de tradición popular. Desde
unha rica perspectiva temática, cada un dos romances presenta personaxes
habituais dos contos tradicionais e marabillosos como princesas e reis
("Romances das tres princesas"), animais ("Romance da lúa, gaivota e
lobo"), elementos da natureza como o mar ou o sol ("Romance do sol roubado",
"Romance da maré"), entre outros moitos. Pero, ademais,
anóvase esta forma poética introducindo outros temas e personaxes
máis próximos ós nenos de hoxe e afondando na súa
dimensión lúdica. Títulos como "Romance esdrúxulo",
"Super-romance para todos os gustos" -con catro finais que permiten unha
conclusión diferente segundo a vontade do lector- ou o "Romance
compartido. Pra ler entre dous, fronte a fronte" -no que sorprende a
disposición do texto na páxina-, constitúen exemplos das
posibilidades de xogo que ofrece o libro. |