blix



Xoán Babarro / Ana Mª Fernández:
¡Grande invento para saír do aburrimento!

Col. A biblioteca do Arlequín, 5. Ed. Sotelo Blanco
Santiago de Compostela, 1987
Primeiro Premio no 6º Concurso Nacional de Teatro Infantil O FACHO, 1983

¡Grande invento para saír do aburrimento!

Un grupo de nenos, cansos dos seus xogos de sempre, entran nun televisor seguindo á Bruxa-Locutora, que lles promete moreas de diversións. Pero só atopan unha chea de anuncios consumistas de larpeiradas e enredos. Neste País do Aburrimento os xoguetes xa non funcionan (a pelota non bota; o pincel, no canto de pintar, borra) e os nenos, que en vez de xogar ao balón miran para a televisión, esquecen todos os seus xogos, enredos e brincadeiras.
Aínda que tamén está o Pallaso Pucho de Raso, que se metera no televisor para tratar de que as cousas, persoas e animais recuperen a alegría e proponlles xogar ao teatro. Uns actores, entón, representan para eles unha peza na que un vello avarento, pechado no seu pazo rodeado de cartos gañados abusando da xente, é levado á cadea polo Novo Gobernador elixido democraticamente. Acusado de non pagar nunca impostos e de usureiro, todo o que ten non lle chega para compensar o que debe. Tráelles a solución o mago de todos os magos e de todos os tempos, Merlín: cobrarlle a débeda aplicando a fórmula 515, que consiste en que recupere a mocidade e, con toda a vida por diante, traballando honradamente, poderá dar pagado os impostos.
Acabada a obra, saen da pantalla levando consigo as cousas e animais que alí estaban encerrados ao mundo do teatro, do circo, do xogo e da alegría. Disfrazados, comezan a xogar e acaban formando un tren cos espectadores ao ritmo do "Pasomisí", ao que ata a Bruxa acaba uníndose.

43 p. - 20x12 cm.                                                             ISBN    84-86021-65-0



Opinion