 |
Cando unha galiña pechada nunha gaiola no
alto da torre máis alta da catedral de San Domingos da Calzada,
descendente da galiña do milagre que falou despois de asada,
coñece unha pomba da paz, quere tamén voar e converterse nunha
Galiña da Paz. Pero, aínda que ten ás, non pode voar. Polo
que decide acudir en peregrinación onda o milagroso Apóstolo
Santiago para que lle conceda o seu desexo. Nun descoido do sancristán,
e acompañada de Lagarturo, o seu amigo lagarto, lisca para facer o
Camiño de Santiago. Emprende entón unha arriscada aventura,
xa que nunca antes saíra do galiñeiro e descoñece os
perigos do mundo: un coche atropélaa e os seus ocupantes
recóllena, mais logra fuxir antes de que a papen; segue a uns alumnos
ata a súa escola, crendo que se encamiñan á catedral de
Santiago; enganada por un vello raposo -inimigo ao que ela nunca vira-, que a
convence de que lle permita quitarlle as plumas pois logo hanlle nacer outras
coas que podería voar, libra del gracias a Lagarturo, de volta despois
de perder o rabo e marchar polo aire cun globo inchado de apéndice.
Chegan por fin o 25 de xullo a Santiago a galiña pelada e o lagarto sen
rabo na mochila dunha nena francesa. Aínda que as figuras do
Pórtico da Gloria non están moi convencidas, consegue logo de
pedirllo ao Apóstolo e coa axuda da Berenguela, que se encarga de
convocar aos paxaros, cubrir de novo o seu corpo de plumas, que agora si que
lle permiten remontar o voo como soñara. Unha primeira
versión do desenlace desta historia figura en Imos xuntos camiñar |