 |
Conta un osiño polar que primeiro naceu a
irmá, tan inquieta que desde entón foi A-Que-Non-Ten-Acougo ou
Bule-Bule; logo, o irmán, Aturuxo-Do-Ceo ou Trono, pois cando o pariu a
nai houbo moito trebón. Os xemelgos son habituais nos osos polares...
Pero despois naceu el, cando xa ninguén contaba. Como un intruso. O seu
nacemento foi, por iso, unha sorpresa desagradable. E como non ocorreu nada
extraordinario, coñéceno como Frangulla. Ser o último,
ademais, ten outras desvantaxes. Debe mamar despois dos outros dous, pois
é o Terceiro, polo que non lle queda leite abondo. Inténtao con
rabia mais só engulipa aire. Coa chegada da primavera, teñen
que saír da oseira cara ao mar, pois Mamá-Nanuk leva os oito
meses de inverno sen comer. Emprenden a ruta cara á despensa do mar.
Polo camiño hai lecer para xogar: ao Escorregue (tirarse por unha
lomba), ao Toupeletrou (andan os irmáns a moquete limpo), ao Rabicho (a
pillar o rabo); pero Trono non o admite como rival no xogo das Lilainas
(facerlle as beiras a unha moza), pois considérao demasiado
débil. A verdade é que cando os outros dous xa dan subido (en
vertical) á nai, e ela xoga así con eles a que os tira, ¡el
non dá subido! Canso da inferioridade do pequeno, faille caso ao
consello da Ruindade e mancha con esterco o peito de mamá para que os
irmáns non poidan comer. De nada lle vale: maman tan tranquilos.
Mais todo cambia cando atopan outra osa con dúas crías.
Aturuxo-Do-Ceo xoga con un dos fillos, Morro-Manchado. El logo amiga co outro,
que resulta ser femia, Anaco-de-Nube, e coxea porque se mancou nunha pata. Xa
cre ter con quen casar. ¡Se ata cando vai merendar, como o irmán
non está, permite que mame el tamén de Mamá-Outra! Mais ao
día seguinte desaparece a osiña... En todo caso, algo vai
cambiando na relación familiar: sente que a súa Osa-Nai o quere
como fillo. Con grande esforzo consegue subir á "torre", ao lombo de
mamá. E Mamá-Nanuk xa lle chama O-Que-Subiu-Á-Torre.
Pouco debe faltar para o mar, ao que van todos os osos polares do mundo, pois
hai comida abonda, que se chama foca e peixe... E por fin a osa mai
mándaos subir ao seu lombo. Desde alí arriba ven unha enorme nube
azul. ¡Xa chegaron ao mar! |