 |
Xiana era unha fermosísima e moi nova flor dun xardín: unha
margarida de pétalos azuis salferidos de pequenas pencas de cor laranxa
como un capricho da natureza. As outras margaridas tíñanlle
envexa. Estaba intrigada polo "globo que dá luz" e polo que
podería haber máis alá do muro. Preguntoulle a unha
bolboreta, mais ela estaba contenta entre tantas flores e nunca quixera
saír do xardín. A andoriña Trilos contoulle que
máis alá o mundo era moi grande, con moitas flores, ríos,
montañas e o mar inmenso. E explicoulle que morrer é como o aire
que leva dentro o globo dun rapaz: cando estoura segue existindo mais non se
ve. Co inverno, Trilos marchou e moitas plantas murcharon coa xeada. Ela
sobreviviu. Trasladárona para un balcón e un maceteiro, agochada
do vento e da choiva. Alí, un vello xeranio explicoulle que non debe ter
medo da abella, pois só busca o seu néctar e pole para fabricar o
mel, mais si do escaravello, do que os libra a choiva artificial que a dona da
casa lles botou por enriba. E comprendeu que a vida é unha morea de
sucesos encadeados. Soubo logo que o manto branco de neve se vén no
inverno non é malo, pero na primavera mata as flores, segundo lle
explicou o xeranio. Na primavera chegaron novas flores e a andoriña
Trilos, que lle explicou o nacemento da vida cando outra construía un
niño no tellado para futuras crías. Viu logo viu ao pimpín
facer o seu variado niño, do que o cuco se aproveitou metendo nel a
súa cría... E un día que lle ían cambiar a terra do
testo, aproveitou para pedirlle á andoriña que a levase con ela.
Levouna voando moi alto, até as nubes. Sentiuse unha flor do vento.
Pousouna logo nun val, nun oco, e co peteiro encheu as súas raiceiras de
terra. A andoriña marchou de novo para África, mais cando volveu,
atopou outra margarida igual á súa amiga: ela deixara no
xardín o seu proxecto dunha nova flor. |