blix



María Solar: O fillo do Pintamonas
Ilustracións de Teresa Novoa

Col. Ala delta. Serie Azul, 23. Tambre. Vigo, 2009

O fillo do Pintamonas

Nubelo de La é un dos Nubelos (nubes pequechas, redondas e brancas, as máis traballadoras de todas pois viaxan por diante das Nubes de Chuvia, para anunciar a chuvia cubrindo o ceo) coñecido por chegar tarde e por ser o fillo do Pintamonas. O alcume víñalle de que seu pai unírase a unha Nube dos Soños (esas tan brancas que pintan debuxos no ceo para que os nenos da Terra xoguen a adiviñalos) con grande escándalo dos vellos ante esa unión antinatural, polo que o condenaron a abandonar o país dos Nubelos.
Farto de que se risen del por ser diferente (retrasábase, parveaba e soñaba) decidiu levar adiante o seu plan de reunirse co seu pai no País das Nubes dos Soños. Para iso valeuse da compañía do papaventos, condenado polo Gran Nubelo a perder a cola máis longa do mundo, que conseguira roubándolles os cordeis dos tendais aos nubelos. Antes de que lla cortaran, fuxiu con Nubelo. Como non sabían como chegar, foron á Montaña do Saber para lle consultar á Gran Grislá (os Grislás son os Nubelos vellos que perderon a brancura e xa non serven para traballar, polo que se dedican a contar lendas e historias vellas). Ela, que adiviña os pensamentos do seu interlocutor, contoulle a lenda do último Rei dos Nubelos, quen, para librala dun malvado bruxo, deixou que a súa filla se fose co Capitán das Nubes dos Soños, do que estaba namorada, para o País das Nubes dos Soños, que está trala liña do horizonte, e ao que ninguén sabe ir e do que nunca se volve saír. Dilles o camiño en forma de adiviña: a el só se pode ir por un ollo irado que non ten volta gardado por un vello Nubelo e polo pasar do tempo. Crendo que se trataría dunha Nube dos Tronos, que segundo os minúsculos Güips (bólas cilíndricas vermellas que emiten un molesto gu-ip), son as máis iradas, achegáronse a ela, que soltou un raio e deixou chamuscado a Nubelo de La.
Os Güips e o papaventos levárono onda Nubebela (moza da que está namorado, e filla da señora Bela, encargada de coidar os fillos dos Nubelos, os Beliños), que o fregou no río e deixouno branco de novo coa condición de que a deixasen ir con eles. A vella Gran Grislá aclaroulles que o ollo irado era o dun tornado, do que só se podía entrar e saír no seu mínimo tempo de calma, e fíxolles un mapa para chegar a el. Cando o localizaron, evitaron á vella Gardiá dos Soños grazas ao insoportable zunido dos güips e entraron no País dos Soños, que converte os soños en realidade. Alí, cumpriu o soño de ver o seu pai.
E nel decidiu quedar, co papaventos. E Nubebela regresou, pero poderá volver onda el cando queira porque existe unha maneira secreta de ir a ese país: seguindo o camiño dos soños.

122 p. - 20x13 cm.                                                        ISBN    978-84-92404-62-9



Opinion