 |
Conta Nicolás que ten un curmán de Colombia que
adoptaron os seus tíos. Chámase Róncal e é negro,
segundo el porque se bañou nun Mar de Chocolate. Segundo a avoa, por el
navegan os seus pais repartindo soños de porto en porto e
aparecéndoselles aos nenos cando están durmidos para cumprirlles
os desexos. Cando lle caeu o primeiro dente, Nicolás pediu o desexo de
bañarse no Mar de Chocolate... E na cama, á noite, de pronto
xurdiu un barco cun Capitán e unha Capitana pirata, que lle deixaron
levar a el o temón ata chegar a unha praia. Mentres pasean por ela, os
dous piratas vanlle contando alternativamente diferentes historias que ilustran
o mundo a modo de parábolas. Así soubo: que os nenos son de
diferentes cores porque un vento pintor trouxo un día moitas cores nun
saco e sementounas nos ollos e na pel da xente como se fosen grans de trigo;
que o sol se deita porque cando non tiña horario era un descontrol, e
para evitalo as galiñas propuxéronlle que se deitara cando elas
apoleirasen e se erguese co canto do galo, suxestión que aceptou e,
agradecido, agasallounas cun retrato del na súa xema; que existiu un
país con tantas fábricas como persoas que facían
competicións de fume polas chemineas e tanta fumeira secou as plantas,
polo que o goberno prohibiu os concursos de fumes e dende aquela fan carreiras
de caracois; que a unha estrela de mar á que lle gustaban os barcos
regaloulle un mariñeiro un barquiño de papel que non se
desfacía na auga; que a nena María das Areas soñaba con
ser mariñeira e de maior fíxose capitana do barco que pesca os
soños das nenas que se lles escapan ás estrelas (que son
pescadoras de soños); que o sol lle regalou unha burbulliña de
luz ao cabaliño de mar e cando a quenlla, envexosa, ía papalo
salvouno o neno que tocaba unha buguina; do polbo asustamedos, que escolleu o
oficio de pantasma para amedrentar os medos e estes xa non se atrevían a
saír por medo aos seus tentáculos ata que se xuntaron todos un
día e perseguírono: el refuxiouse no Mar de Chocolate e dende
aquela os medos andan con moito coidado cos nenos e nenas porque se os asustan
aparécelles o monstro dos oito tentáculos e méxanse de
medo; da Auga e o Sol namorados, que para non se separar nunca déronse
un abrazo nun solpor e o seu amor quedou encerrado para sempre na fermosa seda
do sombreiro cristalino da medusa; da serea María Branca Escuma, unha
redeira que lle fixo un encaixe ao mar cos seus tan longos cabelos, que agora
se peitean nas areas das praias; do Príncipe Valdoviño, que vive
no País do Pareado e atopa o seu amor na Frouxeira, e da voda do grou e
da grúa, que logo teñen tres pitiños. E entre conto e
conto chegan a un recanto da praia ateigado de dentes, que son agasallos dos
nenos aos que o Capitán e Capitan lles regalaran desexos. El quixo
entón darlles aquel primeiro dente que lle caera pero eles non llo
quixeron e puxéronllo cun cordón no pescozo a modo de colgante. O
mesmo que lle aparece no almorzo, cando, logo de mergullarse no Mar de
Chocolate para que as augas o tinguisen como a Rónal, a súa nai
foino espertar. E estaba no seu cuarto... sen barco nin praia. |