 |
Conta a voz narradora
de Lu ("felicidade" en chinés) que a profe lles propuxo facer unha
árbore xenealóxica para representar as súas familias.
Repartiu cadansúa folla con circuliños pintados para que ao
día seguinte a levasen cuberta cos nomes dos pais e mais os avós.
Aínda que Tarik ten os avós en Marrocos e Lau en China e con
nomes raros tamén, ela sente preocupación porque non lle van
chegar os círculos. Coa axuda dos pais (adoptivos), vainos cubrindo: nun
círculo pon Pepe e logo o nome do seu outro pai, Huang; no
círculo da nai, Concha e Yi; a seguir, os avós dos pais...
Como descoñece os nomes dos avós chineses, os pais
cóntanlle o "conto da súa vida": os seus outros pais
debían ser moi pobres ou quizais estaban enfermos, por iso non puideron
coidala e levárona a un hospital grande xunto con outros nenos e nenas.
Seus pais escribiran unha carta, pois querían ter un fillo coma ela.
Tardara moito a resposta e a súa chegada. Ata que por fin puideron ir
recollela a China. Diso hai anos, cando aínda precisaba andador; desde
aquela, aprendeu a andar, a falar e a volver sorrir. Finalmente, deciden
deixar en branco os círculos dos nomes que descoñecen. Queda unha
árbore fermosa, coas follas e ponlas de cores que lle pinta. Pero recea
que aos outros nenos lles estrañen os baleiros. Segundo seu pai, o que
lles pode estrañar é o nome do avó Luciano, que ten, coma
ela, matrícula de Lugo: Lu. "Sorrío outra vez. Non pasa nada.
Chámome Lu, e son adoptada ¿e que?" Con ilustracións
alternando nas páxinas co texto, a colección presenta
situacións problemáticas próximas aos lectores cun
tratamento literario desdramatizador. |