 |
En Castrelo de Faro, pequena vila costeira, vive
a viúva Ramona unha vida tranquila. Ata o misterioso caso das
galiñas. Unha mañá faltáronlle as dezaoito
galiñas. O Raposo Lambón, que levaba unha semana sen comer pois
noutros dous galiñeiros tampouco atopara nada, ofreceuse a axudala na
investigación. Acudiron a un detective, pero de pouco lles valeu: xa os
informaría cando deducise algo. Un folleto de turismo caído no
galiñeiro co carimbo da axencia de viaxes de Eudivixe conduciunos ao
home desta, Camilo, repulsivo, xogantín e explotador da muller. Seguiuno
o Raposo ata a antiga fábrica de cerámicas abandonada, onde uns
homes metían en camións a centos de galiñas para levalas
de vacacións ao "Centro de Actividades Recreativas Solmarepraia".
Tentando achegarse a eles, o Raposo acabou caendo... e un pao na cabeza
deixouno sen sentido. Informada Ramona polo diario local de que prenderan o
Raposo como autor dos recentes roubos de galiñas, puxo o vestido malva
que tanto a favorecía e conseguiu que o sarxento Constante, admirador
seu, aceptase deixalo ceibo 24 horas para que demostrase a súa
inocencia. Co Raposo disfrazado con gabardina e sombreiro para non ser
recoñecido, un taxi levounos a unhas misteriosas naves, onde milleiros
de galiñas en butacas están apampanadas ver a tele. Ramona
reclamou as súas, pero o lobo presidente da empresa contestoulle que
todas estaban alí de vacacións por vontade propia. Poñen
tres ovos diarios, entretidas vendo os programas de tele-lixo en cómodas
butacas-poñedoiros, sen se moveren en todo o día para aforrar
enerxía e comida. Aprovéitanlles todo: cando van vellas fan delas
croquetas de lagosta ou salchichas de tenreira, comida para cans e ata
caramelos verdes. Cando seica van facer croquetas con eles os dous e unha
esteira coa pel do raposo, irrompen policías ao mando do sarxento
Constante, que os rescatan das gadoupas da organización do
criminalísimo internacional conde de Malasherbas. De volta no
autobús, as galiñas cóntanlle a Ramona que un día
chegáralles un folleto ao curral ofrecéndolles vacacións
gratis e non resistiron a tentación. Daquela, para que o sempre famento
Raposo non teña que andar comendo nas galiñas, Ramona
ofrécese a darlle de cear todos os días. É o comezo dunha
boa amizade. |