blix



autor          ·          lector         ·         colección         ·          xénero         ·          ano



Agustín Fernández Paz: A escola dos piratas
Ilustracións de Luis Filella

Col. Tucán 8+. Laranxa, 5. Ed. Rodeira -Grupo Edebé. A Coruña, 2005
Premio Edebé de literatura infantil 2005

A escola dos piratas

Levaba chovendo sen parar desde principios de curso. Aquel día, no colexio da parte alta da cidade, Marta e os seus compañeiros de cuarto curso tampouco puideron saír ao recreo pola chuvia. Estaban na aula cando de repente todo se empezou a mover: o floreiro, os cadernos...
A escola comezou a esvarar pola aba do outeiro, lentamente, ata deterse no medio do río, que medrara e batía con forza contra as ventás. Entón un helicóptero veu anunciar que ían evacuar os douscentos nenos tendendo desde a beira un tubo-tobogán. ¡Pero o colexio deu en moverse outra vez, río abaixo!
Reunido o claustro de profesores, a directora, dona Ana, e o servil xefe de estudos, Martín, deron instrucións de avanzar no programa, aproveitando que ían permanecer moitas horas no centro. Mais Ana, a profe de Marta que lles lía contos e propoñía que eles os escribisen, negouse: seguindo unha idea de Marta, decidiran xogar a que eran a tripulación dun barco. E ata a secundou o recto don Damián, profesor do outro cuarto: "¡Deixémonos levar pola vida! ¡Deixémonos ir río abaixo, o mesmo que o edificio!". Nesas estaban cando chegaron á desembocadura do río no mar, onde o colexio quedou asentado na area. Como xa era noite, durmiron nos colchóns do ximnasio, despois de que Ana lles contase un conto de medo.
Ao espertaren, a marea leváraos ata mar aberto. Foi entón cando don Damián, vestido de Capitán Kidd, cos seus alumnos tamén de piratas, proclamou como única lei do barco a lei do mar, a dos homes que aman a liberdade, logo de pechar no seu despacho á directora, a secretaria e mais o xefe de estudos. Como escaseaba a comida, puxéronse a pescar toda clase de peixes, que prepararon coa axuda da cociñeira, Carlota. Acompañados de golfiños brincando na auga, pensaban ir á illa Tartaruga, a que serve de refuxio aos piratas, no mar das Antillas.
Pero todo cambiou cando un helicóptero trouxo a doutora Antía Vilariño, científica do Laboratorio de Investigacións Paranormais, que viña investigar a razón da baixada do "barco". Preguntando na aula de Marta, soubo que a maioría imaxinaran que o edificio podía moverse e marchar monte abaixo por culpa da chuvia, polo que concluíu que foron eles o seu motor: a imaxinación "é a única forza capaz de cambiar o mundo. E se actúa de forma conxunta, aínda moito máis". Entón pediulles que, para solucionar a falta de comida e o afastamento dos pais, tan preocupados por eles, ao se deitaren imaxinasen que a escola navegaba rumbo á costa. Á mañá seguinte, a escola volvía estar no medio do río, a carón da praia fluvial. Logo, cos ollos pechados, concentráronse en imaxinar que subía polo monte arriba e volvía ao seu lugar, onde agardaban os pais con chocolate quente, churros e torta de Guitiriz. E tamén o conseguiron.
Soou o timbre e acordaron as outras clases. O Capitán Kidd liberou os tres directivos que encerrara no despacho por lles querer "afogar a imaxinación". Sen importarlle as ameazas da directora, díxolle a Ana que nas películas o capitán dos piratas acaba namorando a moza protagonista e colleuna do brazo, marchando polas escaleiras. Marta agora sabía o poderosos que podían ser todos xuntos; un día tiña que convencer os compañeiros para que soñasen que voaban como un avión ou que viaxaban polo Nilo ou que subían nunha nave espacial... ¡Aquel curso podía acabar sendo o máis divertido da súa vida!
Remata o libro cunha caracterización dos diferentes personaxes da historia que apunta novos elementos literarios.

160 p. - 20x13 cm.                                                       ISBN    84-96352-10-2



Traduciónslinha

Castelán La escuela de los piratas
Il. Luis Filella - Trad. María Jesús Fernández Fernández
Col. Tucán 8 +, 10. Ed. Edebé. Barcelona , 2005
160 p. - 20x13 cm / ISBN: 84-236-7325-1
Catalán L’escola dels pirates
Il. Luis Filella - Trad. Equip Edebé
Col. Tucà 8 +, 10. Ed. Edebé. Barcelona, 2005
160 p. - 20x13 cm / ISBN: 84-236-7334-0
Valencia L’escola dels pirates
Il. Luis Filella
Col. Tucà 8 +, 5. Ed. Marjal. Mislata-València, 2005
160 p. - 20x13 cm / ISBN: 84-8115-882-8
Euskera Piraten eskola
Il. Luis Filella - Trad. Fernando Rey Escalera
Col. Tukan 8+, 5. Ed Giltza. Bilbao, 2005
159 p. - 20x13 cm / ISBN: 84-8118-841-7



Opinion