|
Crispín, un viúvo xa na costa dos
setenta, anda a axexar á veciña do cuarto piso, Eleonora,
asomándose á varanda do balcón. Mesmo intenta facerlle
fotos, pois está intrigado por saber quen é Gloria, un ser
misterioso que ninguén viu a quen ela lle canta cancións ou conta
contos. A súa neta, Xulia, que aínda non ten 8 anos, é
a súa mellor confidente desde que se instalou na cidade no piso do
fillo. A ela cóntalle que quixo ser fotógrafo para conquistar a
súa muller, a súa "bordadora de soños", nos tempos de
antes da guerra, cando un retrato era como un tesouro. Un día, logo
de subiren xuntos no ascensor (aínda que el, por un traspés
ridículo, decidiu seguir desde o segundo piso polas escaleiras),
Eleonora convidounos a el e mais a neta a merendaren na súa casa e botar
uns contos. Xulia, logo de sorprendelo ollando con tristeza as fotos que lle
fixera á súa muller, convénceo de que acepte a
invitación da veciña. Eleonora cóntalles que é
filla de artistas de circo; medrou no circo e nel traballou de "encontadora":
baixo o nome artístico de Crisálida, coa serpe Gloria ao pescozo,
unha ocarina e un frasco de bólas de cores con aparencia de caramelos
engaiolaba aos rapaces con cancións e léndolles contos dun libro
que eles debían continuar. Desvelado o misterio de Eleonora, falta
da compañía que lle daba a serpe morta no piso por un constipado,
o fillo e a nora de Crispín ollan emocionados como vai de ganchete con
Eleonora ao circo, levando tamén a Xulia, recuperando así a arela
de vivir. |