|
El-Rei Artur vai de caza cos seus cabaleiros e
mata unha osa. Persegue logo un cervo branco, que se transforma no Cabaleiro do
Cervo e lle reprocha que queira matar un animal branco, pois son sagrados, polo
que o ha matar a el se dentro de un ano e un día non lle sabe contestar
o enigma de qué é o que máis desexan as mulleres. Como non
atopa resposta satisfactoria en sabios, soldados nin cabaleiros de Camelot,
Artur decide saír en busca dela. Nunha ponte atopa a Galván,
que trata de impedirlle o paso, pero como sae derrotado ten que
acompañar ao rei na súa procura. Chegan a unha vila, onde todos
dan respostas condicionadas polos seus intereses. Alí, o rei, conmovido
ao ver encadeado un osiño (fillo da osa que el matara) para actuar nun
espectáculo, compra a súa liberación. Nun cruzamento baten
cunha muller feísima, a Abominable Dama, que lles di a resposta a cambio
de que Galván acepte casar con ela. Cofírmao o Cabaleiro do
Cervo: "As mulleres queren poder gobernar a súa vida" é a
resposta correcta. Esfúmase entón o cabaleiro e aparece a
Abominable Dama reclamando casar con Galván. A noite de vodas, un bico
deste transfórmaa en fermosa e ao deixarlle a ela a decisión de
manter a beleza de día ou de noite, rómpese todo o encantamento:
é a fermosísima Dama Ragnell. Esta peza de teatro,
interesante experiencia de colaboración entre unha das máis
recoñecidas escritoras galegas e os dous integrantes do Grupo de
Títeres Cachirulo, ábrese cunha breve caracterización dos
personaxes e péchase cun apéndice, "Agardando a volta de Artur",
no que se relatan os episodios máis relevantes da tradición
narrativa artúrica. |