blix



X. H. Rivadulla Corcón: O elefante dunha soa orella
Ilustracións de Xeno

Col. Sotelo Blanco Infantil e Xuvenil, 51. Serie A máquina de escribir
Ed. Sotelo Blanco. Santiago de Compostela, 2004

O elefante dunha soa orella

Un elefante de peluche que só ten unha orella, porque non chegou a tea para facerlle a outra, vai contar a súa historia, marcada por este defecto pois non o puxeron á venda, agachándoo no almacén. Axúdanlle a contala os seus amigos:
Un peixe de goma, Pipo, que consegue que se bañe con alegría unha rapaza, Dulce, á que lle morreu a mai de cancro cando ela só tiña un ano, e agora vive soa co pai, Luís Suárez.
A pequena flor de metal que Dulce leva na lapela do abrigo, que viu cando nas vacacións de Semana Santa Dulce e o pai atoparon no parque unha cadela abandonada á que lle deron de comer. A rapaza púxolle nome: Bambán. Dulce foi pasar as vacacións onda os avós, a Muxía. A avoa escribiulle unha carta para Claudia, a mai morta.
O reloxo de pulso de Luís lémbralle que mañá ten que regalarlle un elefante Dulce, pois cumpre cinco anos.
A Lámpada do Almacén conta que é amiga do elefantiño triste, e tamén a dependenta Marina.
O Zapato Dereito de Luís testemuña que este foi comprar o elefante pero outro neno encaprichouse con el e cedeullo; no seu lugar, levou un golfiño. E que coñeceu a Marina, tan boa e atractiva, que vive soa.
O xenio da lámpada de Aladino concédelle tres desexos ao elefantiño, que lle pide: ir vivir á casa dun neno ou nena que o queira, que lle conceda a Marina o que ela desexe (un home para ser fose feliz, por certo) e un terceiro que non ten por qué dicir nese momento.
O Zapato Esquerdo sabe que cando o pai lle levou o golfiño, Dulce chorou porque quería un elefante.
O coche rosa levou a Luís á tenda da Coruña, onde o avaricioso dono, o señor Olveira, non lle pode vender o que non ten unha orella porque o levara Marina. Luís come só e triste.
Unha nube branca e algodonosa de día soleado ve a Bambán roubarlle o elefantiño a Marina, que o levara á súa actuación de pallaso na festa de aniversario dun neno de catro anos. O can vaillo deixar ao señor Olveira, roubándolle a este a tarxeta co teléfono de Luís, que lle leva a Marina, a quen guía á casa do dono da tenda para que recupere o elefante.
O anel de voda de Luís di que Dulce non se enfadou por non ter o elefante, pois pediullo á súa mai e sabe que ela llo vai conseguir.
Conta o golfiño que Dulce disfrutou con el o domingo, pero cando volveu á Coruña levou unha desilusión xa que non estaba alí o elefantiño, quen de pronto chama ao interfono.
O nariz de pallaso vén con Marina, vestida de pallaso e co regalo do elefantiño dunha soa orella para Dulce. Logo, actúa para ela.
O pendente da orella esquerda de Marina conta que indo esta ao día seguinte para o traballo cavilando en Luís e a filla atropela a Bambán.
Conta o elefante que levan a Bambán á clínica de Luís, onde é operada con éxito. Alí Dulce lembra que lle falta un desexo dos prometidos polo xenio e pide falar coa voz de Luís, dicindo que lle gustaría cear esa noite con Marina. Cearon logo moitas máis veces, xa sen Dulce, nin Bambán, que por certo desapareceu misteriosamente ese mesmo día da clínica: como se aparecese nas súas vidas para solucionarlles os problemas...
Dulce pronto terá unha nova nai e todos serán felices, pois a Claudia non lle parecerá mal a felicidade deles. Como é tamén feliz o elefantiño, aínda sen unha orella.

107 p. - 20x13 cm.                                                                ISBN    84-7824-452-2



Opinion