|
Conta Siro que lle
oíu á tía Edelmira dicir chorando que ao tío
Serafín "estalle caendo un parafuso da cabeza". Sempre foi un pouco
especial porque sufriu unhas febres reumáticas de pequeno e desde
entón de cando en vez fai uns acenos moi raros coa cara. O seu fillo,
Down (Guillerme, para os demais) tamén é un pouco diferente: ten
ollos de chinés, gafas de lentes grosos e mans gordechas. Naceu cando a
tía, xa co pelo gris, tivo unha enfermidade chamada
"depresión". Como se acaba de trasladar de barrio na cidade, empeza
nun colexio novo, onde cursa Primaria. Contra o que lle dixo o amigo Miguel de
que os nenos doutros barrios son como marcianos, os seus novos
compañeiros son todos normais. Traizoouno, por iso está enfadado
co seu mellor amigo e non ten a quen contarlle o que lle está ocorrer,
pois o seu único amigo é agora o gato, Chas. Como os pais de
Down foron ao hospital, e aínda que Siro ten corenta de febre, esa noite
vén durmir con el. Siro sempre dorme contando años, pero o
curmán pídelle que conten flores, que lle encantan. Van ter que
estar varios días xuntos, mentres non volven os tíos. Ao
día seguinte, xa lle pasou a febre e vai ao colexio. No autobús,
Sara, quen por certo dorme contando bicos, deixa que se sente onda ela. Sente
que lle gusta o recendo do seu pelo. No colexio, a profe explica o que son os
cromosomas cunha baralla de árbores e froitos (por unha pregunta del, xa
que segundo a mai Down é así por ter un cromosomas de
máis). Veno buscar a mai ao colexio porque Down pechouse no
baño, e está chorando. Confésalle a Siro que non sae
porque non hai papel hixiénico; cando llo dan, sae e ensínalle o
seu xardín de margaridas azuis no "Obradoiro de xardinería" do
fermoso colexio. Tamén lle presenta a súa noiva, María.
Logo, van a un centro comercial, onde a tía Edelmira lles trae a nova de
que ao tío Serafín vanlle dar a alta dentro de dous días.
Iso, para Down, quere dicir que non vai morrer, polo que rompe a chorar de
alegría (segundo a mai de Siro, porque é moi sensible). Ademais,
atopan a Miguel e amígase con el. Entón é Siro quen chora
de alegría. E acordan ir comprar un parafuso dourado para o pai de Down:
este terá que poñerllo na mesiña de noite por se lle volve
caer outro, para que non teñan que ingresalo outra vez. Dormen contando
flores. E mañá se cadra el pregúntalle a Sara se lle
gustan as flores, como á moza do curmán. E ao mellor
pídelle que sexa a súa noiva... |