 |
Conta un lobiño que cando uns cazadores
mataron a seu pai, que era o xefe da manada aló nos montes de Acival,
decidiu marchar á aventura á busca dun bonito agasallo para
conquistar o corazón da fermosa Loba Nova, que se rira da súa
inocencia por se asustar ao ver a pelexa dos outros lobos pugnando por ser o
sucesor. Consegue roubarlle unha ola de mel aos humanos. Mais como é
primavera e caéralle o pelo, un raposo aconséllalle gardala para
levarlla a Loba Nova cando lle volva nacer. Seguindo as súas
instruccións, ponse a facer o burato para enterrala; só, pois o
raposo seica non pode axudar por estar enfermo. Ao rematalo e volver á
superficie, xa non queda mel. O raposo bótalle as culpas ao
lobiño. Este négao: "se fun eu que a barriga me empece a suar ata
facer unha poza de auga no chan". Quedan os dous durmidos. Cando o
lobiño acorda, ten a barriga enchoupada en suor e ao seu carón
unha poza, o que fai que lisque avergonzado. Vén outro mes de abril
e volve atopar o raposo, que lle propón botar unha leira de patacas a
medias. Aínda que seica segue mal da columna e ten que sementelas o
lobiño, que tamén ten que apañar logo os escaravellos e
comelos. Como quere regresar axiña para demostrar que non é un
lobo parvo, acepta a metade da colleita: para el o que medra por riba da terra
e para o raposo o de baixo. E sae amolado. Logo proponlle o raposo plantar
millo, quedando este co de riba da terra. Intenta aprender do labrego Isidro,
mais o raposo interponse: salvaralle os bois das gadoupas do lobiño a
cambio dunha ducia de galiñas; ríndose da inxenuidade do
lobiño, a quen xa lle comera o mel, mexáralle na barriga e
aínda o levara logo a cabaliño. Isidro mata a lobiño cando
este agarda no carro: do susto, en realidade, pois non chega a tocarlle coa
machada. Entón o raposo reclama a súa paga. O labrego
tráelle nun saco non as galiñas, senón cans que se botan
na súa persecución. Como case o engancha nas silvas, o raposo
dille ao rabo "mal raio te parta". E, efectivamente, un raio
féndello. Desde entón vaga desorientado ata que un
gabián o convida a unha voda no ceo e déixao caer:
espachúrrase na agulla dun palleiro e queda cun aspecto demasiado
terrible. Conclúe o lobiño que agora que sabe que non se admiten
raposos no Outro Mundo está máis tranquilo. E aínda que
non se explica como foi parar o rabo ás súas mans, gardarao "por
toda a eternidade para agasallar á miña loba, porque... !sigo
namorado!". |