blix



Carlos Labraña, Carlos López, Xosé Ballestero e María Reimóndez:
De cando a primavera cría que era inverno
Ilustracións de Marta Álvarez

Col. Lagarto Pintado. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Xunta de Galicia. Santiago de Compostela, 2008

De cando a primavera cría que era inverno

Nova entrega desta colección editada pola Xunta de Galicia en conmemoración do Día Internacional do Libro Infantil, coa colaboración da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). Recolle un texto teatral e tres relatos:
A viaxe de Farrapos, de Carlos Labraña, é un pequeno texto dramático protagonizado por un boneco de neve que fixeron dous rapaces. Informado polo Acivro de que cando veña o sol se ha derreter, coa axuda do Golpe córtalle dúas pólas, que serán os seus pés, e bota a camiñar deica o lugar onde nunca sae o sol e sempre é noite. Chegan a Primavera, onde a Curuxa se incorpora á busca; por un erro dela, pasan por Verán, mais coa incorporación dun Vagalume entran en Outono e chegan cun Esquío amigo a Inverno. Alí, saen dunha cabana un Vello e unha Vella, que pola bufanda recoñecen o boneco como o que eles fixeran. Pero xa non está o acivro, polo que o boneco cumpre a súa promesa enterrando as pólas que foran os seus pés, das que han nacer os fillos da árbore.
Carlos López conta en Bepo e a cabaza dun rapaz que é tan mal estudante que no seu primeiro exame o mestre deulle unha merecida cabaza. Pero el non a tirou, senón que cando foi o concurso do Samaín no colexio pensou en presentarse facéndolle unha cara cun ollo máis grande que o outro, o nariz torto e os dentes fanados. Saíulle unha auténtica chapuza, polo que era absurdo concursar. Aínda así conservouna, enchéndoa de libros. A cabaza axudáballe nos estudos e polas noites contáballe contos. Até que un día pediulle que enterrase unha pebida súa, pois quería ter fillos. E naceu unha cabaciña, coa cara da nai, pero moi bonita, que presentou ao concurso e gañou. Entón a cabaza nai chorou coa emoción.
Xosé Ballesteros relata un conto italiano, O neno no saco. A Pedro non lle gusta ir á escola e queda nunha pereira. Unha bruxa que pasa pídelle unha pera. El guíndalle dúas, que caen enriba de excrementos de animais, polo que baixa para darlle outra na man, circunstancia que aproveita ela para metelo nun saco, do que logra saír cando a malvada para no camiño a facer de corpo, poñendo no seu lugar unha pedra. Nun segundo intento, el cámbiase por un can. A terceira vez, cando ela de novo disfrazada, volve caer na trampa e a bruxa xa non para até chegar á casa. Pero unha vez alí, é o rapaz quen engana á filla antes de que lle poña a cabeza no picadeiro, e consegue liberarse novamente. E aprende: nunca máis volverá faltar á escola.
Finalmente, María Reimóndez conta que Pía non encaixa, porque non é como todos. Os seus pais dinlle que nunca saia da casa e así o fai, até que un día un grupo de paxaros confirma que é moi rara e fai risa dela. Entón decide marchar da casa. No camiño, unha flor dille que non sabe voar porque non ten ás senón brazos, nin peteiro, pois non é un paxaro senón unha rapariga. Mírase na lagoa, onde descobre que é unha nena, efectivamente, e coincide cun neno moi triste porque é un paxaro. Mais os pais dos dous acéptanos como son e andan á busca dos dous fillos perdidos. Daquela, deciden que nunca máis se han avergoñar de ser o que son: unha nena paxaro e un paxaro neno.

60 p. - 13x21 cm.                                                               D.L.    901-2008



Opinion