|
David Otero, presidente de Gálix,
reflexiona no texto "A xeito de introduccción e chamada" sobre a
literatura infantil e xuvenil, a problemática da lectura e o importante
papel informativo que poden cumprir os medios de comunicación nesta
etapa de "crise lectora", así como a función dunhas necesarias
boas bibliotecas. No relato "Cando o robot pequeno soubo de Denís"
de Paco Martín, o cativo e simpático robot SF-2 (protagonista de
"Un robot pequeno" e "Andanzas e amizades dun robot pequeno") non se resigna
a permanecer encerrado na casa cando os seus creadores van visitar uns amigos
que acaban de ter un fillo. Preocupado por se a eles se lles ocorre a mesma
idea de ter descendencia, asómase á reixa da ventá. Uns
nenos teñen a solución para a súa inquietude:
cómprelle facer unha trasnada para reclamar a atención dos
grandes. Un balde con auga na porta do laboratorio que lle caia a Fermín
cando volva, pode valer. "A fuga de Guillermo" de Helena Villar Janeiro
relata cómo un rapaz se fai amigo dunha avoa coa desculpa de que
está só pois escapou do libro por medo a un rato de biblioteca.
Cando a avoa leu o conto, concluíu que era moi malo e preferible que non
volvese entrar nel, polo que o instala no seu cuarto da Residencia de Tempo
Libre. Aínda que sabe que a súa historia é unha
fantasía inventada polo rapaz para ter compañía. En
"S.O.S.", de Mª Victoria Moreno, unha rapaza de COU conta a súa
experiencia nunha noite de preparación do exame de Arte baixo o efecto
da primeira anfetamina da súa vida: da euforia asimiladora á
enerxía que lle impide durmir, convertida en crise alucinante no
instituto. A súa soidade ante o mundo é tamén a do can
vagando só e abandonado pola cidade ou a do drogata que agarda, sen
ninguén que lle valla, no semáforo. "Un templo para gatos" de
Agustín Fernández Paz arrinca dun anuncio por palabras do xornal
na liña dos seus "Contos por
palabras". Conta unha muller que un día decidiron deixar o piso da
cidade para trasladarse a un caserón herdado en Pontebranca, onde por
mor dos ratos compraron unha gata, que acabou cos roedores. Tivo crías,
que venderon ben, polo que viron o negocio de dedicarse á cría de
gatos. O problema foi que se xuntaron con centos, que ninguén
quería comprar. Puxeron o anuncio no xornal de que regalaban
"gatiños" pero ninguén os quere nin regalados. Han volver para o
pisiño da cidade: mellor o ruído dos coches que centos de gatos e
gatas preñadas. "Confesións dun ilustrador" de Xan
López Domínguez presenta dúas cartas a modo de boceto e
arte final dunha ilustración. Na primeira, un autor confesa que o seu
personaxe de éxito mundial NO é en realidade un ratiño do
seu estudio ao que el simplemente copiou; para que ninguén o saiba
desfíxose del transformándoo en irrecoñecible e desde
entón as súas ilustracións xa non gustan. Na segunda, o
propio NO anuncia a súa primeira e auténtica presentación
tal e como é, e non como o ensinou o primeiro debuxante ou o outro que
tratou de imitalo visto o seu éxito. |